O paro baixa un 0'7% en Galicia mentres sobe na media do Estado

Os datos de xullo revelan unha melloría mínima con respecto ao resto de CCAA.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2022 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) descendeu en 1.082 persoas en xullo en Galicia, o que supón un 0,77% menos que no mes anterior, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press.

Desta forma, o paro comportouse de mellor forma en Galicia que na media estatal, xa que no total de España o desemprego aumentou o mes pasado nunhas 3.230 persoas, un 0,1% máis que en xuño. Nos últimos 12 meses, o paro contabilizou unha baixada de 12.084 persoas en Galicia, un 7,95% menos que en xullo de 2021, deixando un total de 139.850 persoas anotadas nas oficinas de emprego.

Por provincias, A Coruña pechou xullo con 55.753 parados, 554 menos que un mes antes e 5.077 menos que no sétimo mes de 2021, baixando un 8,35%. En Lugo rexistráronse 159 parados máis, ata 13.479, a pesar de que nos últimos 12 meses baixaron en 1.058 persoas, un 7,28% menos.

Ourense contabilizou un aumento de 179 parados, ata 16.564 persoas en xullo, aínda que desde o mesmo mes do ano pasado baixou en 761 desempregados, un 4,39% menos. Pola súa banda, en Pontevedra hai 866 parados menos que en xuño, ata 54.054 persoas, e 5.188 desempregados menos que en xullo de 2021, un 8,76% menos.

Varias persoas na terraza dun restaurante. César Arxina - Europa Press
Varias persoas na terraza dun restaurante. César Arxina - Europa Press

CAMIÑO DE SANTIAGO, PRECARIO E ESTACIONAL

Descoñécense, polo momento, os datos de novos empregos por servizos, pero todo parece apuntar que a relaxación do desemprego en Galicia ten moito que ver con este traballo precario e estacional vencellado á incesante chegada de peregrinos a Santiago de Compostela e outros lugares no camiño a esta.

Si se coñece que a Seguridade Social gañou 9.670 afiliados en Galicia durante o mes de xullo, o que supón un crecemento do 0,92% respecto ao mes anterior, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press.

Así, tamén neste rexistro houbo no sétimo mes do ano de mellor comportamento que a media estatal, xa que no total de España a Seguridade Social perdeu 7.366 cotizantes en xullo, rompendo a súa serie de crecemento. Desta maneira, Galicia alcanzou os 1.058.193 afiliados en xullo, un 0,92% máis que en xuño e un 2,12% máis que no mesmo mes de 2021, gañando nos últimos 12 meses ata 21.921 cotizantes.

Ademais, as mulleres galegas seguen sufrindo máis o desemprego que os homes, xa que o paro feminino en Galicia supón o 58,8% do total. Por sectores, 4.864 parados galegos pertencen ao mundo da agricultura, mentres que outros 14.743 ao da industria. O sector da construción dispón de 9.878 parados, mentres que o sector servizos, de 99.066 desempregados en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta