O lume de Verín afástase das casas e mantense estable con 600 hectáreas queimadas

Quedou perimetrado ao longo desta tarde. Outros cinco grandes lumes seguen activos en Galicia, se ben con evolucións "favorables".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/08/2022 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural desactivou na tarde deste xoves a alerta por proximidade do incendio forestal de Verín a varios núcleos de poboación. Ademais, o lume, aínda que segue activo, "evoluciona favorablemente". É a principal novidade que recolle o parte da Xunta, actualizado ás 20,15 horas deste xoves, e no que a superficie arrasada polas chamas mantense estable en 600 hectáreas, polo que continúa como o lume máis grande que segue sen controlarse.

Trátase dun incendio declarado á primeira hora da tarde do mércores e do que as autoridades non dubidan da súa intencionalidade, tal e como demostra que se iniciou nunha decena de focos diferentes.

Agora, de acordo coa última actualización de Medio Rural, o lume "evoluciona favorablemente" e os medios traballan na extinción dun "punto de moi difícil acceso". O alcalde da localidade, Gerardo Seoane, xa ratificaba Europa Press a melloría da situación: "Está perimetrado; parece que o peor pasou".

Ata o momento, participaron nos operativo efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), á parte de nove técnicos, 27 axentes, 59 brigadas, 27 motobombas, 12 avións e 11 helicópteros, entre outros medios.

OUTROS TRES INCENDIOS ACTIVOS

Mentres tanto, hai outro tres incendios que seguen activos. O de Arbo, parroquia de Barcela, leva calcinadas unhas 70 hectáreas e mantén activada a 'Situación 2' pola proximidade das chamas a diversas infraestruturas. Trátase dun lume que, segundo indica a Xunta, entrou desde Portugal e tamén "evoluciona favorablemente cara á súa estabilización, sen afectación a aldeas".

Nesta mesma situación está o lume forestal da parroquia do Pereiro, no concello ourensán da Mezquita, cunhas 150 hectáreas queimadas. Mentres tanto, un incendio activo desde a tarde deste xoves en Boiro, concretamente na parroquia de Cures, arrasou ata o momento máis de 20 hectáreas.

ESTABILIZADO O DE MACEDA E CONTROLADO O DE CALVOS

Pola súa banda, o lume de Maceda que afecta á parroquia de Castro de Escuadro, quedou estabilizado ás 17,00 horas da tarde cun balance de 150 hectáreas arrasadas. "Iniciouse en tres focos diferentes e simultáneos", indica a Xunta.

Ademais, Medio Rural xa dá por controlado desde as 19,15 o lume en Calvos de Randín, en Lobás, cun balance de 50 hectáreas queimadas.

En canto ao incendio forestal con 400 hectáreas arrasadas en Arbo, parroquia de Mourentán, continúa sen cambios ao estar estabilizado. Así mesmo, o de Padróns, en Ponteareas, segue controlado tras calcinar 20 hectáreas. En total, este oito incendios que aínda están sen extinguir levan arrasadas polo menos 1.460 hectáreas de superficie.

Montes e lume en Ábedes, a 3 de agosto de 2022, en Ábedes, Verín, Ourense, Galicia (España). Un incendio forestal que permanece activo desde as 14,52 horas deste mércores en Verín (Ourense) obrigou a activar a alerta por proximidade a vivendas d. Rosa Veiga - Europa Press
Montes e lume en Ábedes, a 3 de agosto de 2022, en Ábedes, Verín, Ourense, Galicia (España). Un incendio forestal que permanece activo desde as 14,52 horas deste mércores en Verín (Ourense) obrigou a activar a alerta por proximidade a vivendas d. Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta