Enfermeiras alertan dos "graves riscos para a saúde" das picadas en discotecas e piden endurecer as penas

Instan o Goberno central a endurecer as penas para os agresores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/08/2022 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O Colexio de Enfermaría de Pontevedra, do mesmo xeito que o Consello Xeral de Enfermaría (CGE), alertou dos "graves riscos para a saúde" que poden ocasionar as substancias químicas presentes nas picadas en discotecas, como "inhibición da vontade, incapacidade para defenderse ou tomar decisións, caída da presión arterial ou perda da consciencia".

Discoteca
Discoteca | Fonte: Arquivo.

O Colexio de Enfermaría de Pontevedra informou de que se puxo en alerta aos Consellos Autonómicos de Enfermaría e aos colexios provinciais que hai en España polos problemas que poden carrexar estas picadas. Ademais, instouse ao Goberno a endurecer as penas para os agresores por Real Decreto e a crear accións de vixilancia e prevención específicas contra estes delitos ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

"Estas prácticas atentan contra os dereitos da muller, son ilícitas e, ante o auxe e incremento que se está denunciando, deberían ser tipificadas especificamente pola lei. Demos a voz de alarma a toda a Organización Colexial para denunciar todos e cada un dos casos que sexan atendidos en hospitais e centros de saúde e atención primaria. As enfermeiras porán o seu gran de area na loita contra esta actividade ilegal tan prexudicial para a saúde e que está a causar unha gran alarma social estes días", sinalou o presidente do Consello Xeral de Enfermaría, Florentino Pérez.

As primeiras investigacións detectaron que estas picadas poderían inxectar substancias ilegais e, por tanto, que carecen de control sanitario algún, como a éxtase líquida, a ketamina ou benzodiacepinas, que producen unha reacción inmediata na vítima de perda de control e, por tanto, facilidade para o abuso por parte do agresor. Os efectos son intensos pero estas drogas permanecen pouco tempo no organismo, polo que detectalo é complicado se non se actúa con rapidez.

"Os efectos son bastantes inmediatos e se se ten sensación de picada, hai que advertilo rapidamente a xente de confianza para que poidan vixiar se se produce unha situación de sedación ou perda de control. Ademais, antes de que actúe a substancia, é importante contar se se viu a alguén que puidese ser sospeitoso de realizar a intromisión á intimidade da muller. Moitas veces, cando a vítima chega aos servizos hospitalarios, a substancia xa non se detecta nas análises, así que é moi importante estar atentos a calquera sensación estraña", profunda o secretario xeral do CGE, Diego Ayuso.

Aqueles pacientes con algunhas patoloxías asociadas a tratamentos farmacolóxicos poden ter reaccións adversas fronte a estas substancias, inxectadas sen consentimento e sen ningún control. Tamén habería que ter en conta outras posibles substancias que consumisen voluntariamente, que, ao mesturarse cunha nova dose doutra droga, a persoa podería chegar a sufrir unha intoxicación maior.

Ademais, o CGE tamén subliña que se están utilizando agullas fóra da contorna sanitaria, polo que é posible que non estean desinfectadas ou se puideron usar con outras persoas. Así, dependendo do estado do material que se está utilizando, a vítima podería chegar a estar exposta a enfermidades de transmisión sanguínea como o VIH ou a hepatite.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta