A cantante dunha orquestra á que tiraron do escenario lamenta o sucedido, pero está "ben" e non denunciará

Atribúe o ocorrido a algo "puntual" e non desexa "darlle máis bombo" tras unha época, a da pandemia, dura para o sector.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 09/08/2022 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Unha das cantantes da orquestra M-3 Show caeu do escenario e tivo que ser atendida tras recibir un tirón dun espectador que lle ofreceu a man no que ela pensou que era un saúdo. Os feitos producíronse na madrugada do pasado sábado ao domingo, no marco das festas de San Lorenzo de Árbol, en Vilalba, cando faltaban 10 minutos para concluír a súa actuación.

Orquestra M-3 Show
Orquestra M-3 Show | Fonte: www.orquestasdegalicia.es.

Segundo contou a vítima, Micaela Sánchez, o suceso tivo lugar cando o grupo se dispuña a finalizar o seu segundo pase. Foi entón cando a cantante deu a man a un espectador --a modo de saúdo-- e este agarrouna e tirouna.

Estes feitos fixeron que a cantante primeiro caese golpeándose a cabeza. "Menos mal que era de herba", relatou. Permaneceu uns minutos inconsciente no chan e, cando espertou ao seu carón había persoal sanitario que se atopaba na festa.

Unha vez que recobrou a conciencia e viu que non tiña nada roto foi ela mesma a que non quixo nin a asistencia da Garda Civil nin do 112. "Non quería parar a festa" recalcou. Ademais, manifestou que en 32 anos que leva no mundo da verbena nunca lle pasou nada igual "foi unha cousa puntual". "Non quero darlle máis bombo", dixo.

Por outra banda, a cantante informou que se atopa ben, con mazaduras, pero confirmou que non ten a intención de denunciar os feitos. "Vimos dunha situación que estamos amolados", esgrimiu, en relación ao impacto que a pandemia da covid-19 tivo no seu sector, e incidiu en que agora hai que traballar para reverter esta situación.

QUE NON SE REPITA

Finalmente, unha das compañeiras da orquestra non tardou en mostrar a súa postura ante o sucedido e denunciou en redes sociais esta acción, pedindo que non se repita.

"En todo momento estamos a traballar para que todos o pasedes o mellor posible", sinalou, para concluír que o sucedido en Árbol "non se pode tolerar en ningún momento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta