A Coruña di non estar "alarmada" cos pisos turísticos da cidade

A Marea Atlántica lembra que "hai 653 vivendas turísticas rexistradas", un 22% máis que en agosto do ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 10/08/2022 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O goberno local da Coruña confirmou que estuda a regulación dos pisos turísticos, despois de que nesta mesma xornada a Marea Atlántica lle esixira cumprir os acordos en materia de dereito á vivenda.

Nun comunicado, aseguran que "tal e como se comprometeu no acordo político asinado coa Marea Atlántica", en decembro de 2021, e a pesar de ser unha "competencia" da Xunta, o goberno municipal abordará neste ano "as posibilidades de regular este tipo de vivendas".

No entanto, afirma que "neste momento non existe unha situación alarmante dado que existen na cidade máis de 20.000 vivendas en réxime de aluguer e pouco mais de 600 en aluguer turístico". Aínda así, considera necesario "analizar en detalle a situación para poder tomar medidas que eviten o seu uso intensivo".

Mentres, a Marea Atlántica rexeita que as vivendas turísticas non sexan "unha ameaza para o sector turístico". "O impacto dos pisos turísticos hai que buscalo no seu desastroso efecto para o dereito á vivenda, non só para os hoteis tradicionais". "Regulalos é urxente, ademais dun compromiso co noso grupo", lembra ao goberno local.

Respecto diso, sostén que na Coruña "hai 653 vivendas turísticas rexistradas, un 22% máis que en agosto do ano pasado, e un 67% máis que en marzo de 2022, cando comezou a pandemia". "Nestes momentos, a oferta deste tipo de aloxamentos é maior que a dispoñible para vivendas habituais en aluguer", apostila.

INICIATIVAS MUNICIPAIS

Noutra orde de cousas, o Concello da Coruña completou nas últimas datas a primeira fase do proxecto da Solaina de San Roque, que prevé dotar esta zona de coraza, situada no paseo marítimo, de diferentes elementos para o uso da cidadanía. Nesta primeira fase, instaláronse dez hamacas de formigón.

Así mesmo, o consistorio publicou a listaxe definitiva de concesións de bolsas comedor para o próximo curso. O número de bolsas concedidas ascende a 2.766, un 10% máis con respecto ao ano pasado.

Pisos turísticos. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo
Pisos turísticos. SANDRA GARCÍA REI - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta