Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 10/05/2025 | Actualizada ás 12:55
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou este sábado "o esforzo" da Xunta por consolidar o emprego e reforzar a sanidade pública nas probas de acceso a 236 prazas no Servizo Galego de Saúde que se realizan este fin de semana no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. O responsable autonómico de Sanidade, acompañado da directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Mar Pousa, supervisou o desenvolvemento das probas do proceso selectivo para o ingreso en diversas categorías.
En concreto, esta mañá celebráronse as probas da fase de oposición para o acceso ás categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía e do grupo de xestión da función administrativa, que alcanzaron o 61,57 % de participación. Así, nesta primeira quenda da xornada do sábado estaban convocados 1.301 aspirantes para acceder ao oito prazas pertencentes á categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, e ás 26 prazas do grupo de xestión da función administrativa.
Das 909 persoas convocadas para as probas de acceso á categoría de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía acudiron á realización do exame un total de 488 aspirantes (o 53,7 %). Pola súa banda, no que incumbe ao grupo de xestión da función administrativa, das 392 persoas convocadas, asistiron á realización das probas 313 aspirantes (79,8 %). En declaracións aos medios, Caamaño agradeceu o labor de todo o persoal implicado no correcto desenvolvemento destas probas, desde o Sergas, pasando polos efectivos da Garda Civil, Policía Nacional, Protección Civil, 061 e todo o equipo da Fundación Semana Verde de Galicia. Sanidade constata que se fixo "un traballo impecable para que todo transcorrese, unha vez máis, sen incidentes".
Pola súa banda, as probas que se celebraron na tarde alcanzaron unha porcentaxe de participación do 67%. Segundo informou Sanidade, das 409 persoas convocadas, nesta quenda de tarde, acudiron un total de 277 aspirantes. En concreto, no que respecta á categoría de técnico superior en documentación sanitaria realizaron o exame 184 opositores (participación do 71,3 %). Na categoría do grupo auxiliar da función administrativa realizaron a proba 93 persoas (60 % de participación). Nas probas desta tarde, a Xunta oferta un total de 13 prazas da categoría de técnico superior en documentación sanitaria e outras 43 do grupo auxiliar da función administrativa. Neste último caso, a totalidade das prazas están reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.
CONTINÚAN AS PROBAS O DOMINGO
Os procesos selectivos continuarán na xornada de mañá cunha dobre quenda que acollerá un total de 2.426 opositores. Neste sentido, na quenda de mañá terá lugar a proba para acceder as 121 prazas de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e, na quenda de tarde, as probas para acceder as 16 prazas de técnico superior en dietética e nove do grupo técnico da función administrativa. No seu conxunto, durante a fin de semana, o Recinto Feiral Internacional de Silleda acolle a realización das probas para o acceso a sete categorías profesionais do sistema sanitario público galego. Un total de 4.136 aspirantes están convocados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.