Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2022 | Actualizada ás 20:58
A provincia de Ourense viviu este mércores unha nova xornada "crítica" polos incendios forestais, que provocaron a activación da Situación 2 pola proximidade do lume a vivendas en varios núcleos dos municipios do Irixo, Boborás, O Carballiño e Chandrexa de Queixa. Todo iso nun día na que tamén arderon centenares de hectáreas en municipios como Laza e Carballeda de Valdeorras.
Así, o maior lume activo é o do municipio de Laza, que queima unhas 740 hectáreas --segundo a estimación provisional da Consellería de Medio Rural--, un incendio iniciado en Camba, pero que obrigou a activar a Situación 2 no núcleo das Taboazas, no municipio limítrofe de Chandrexa de Queixa.
En declaracións a Europa Press, o alcalde de Laza, José Ramón Barreal, explicaba que a situación estaba "desmadrada" pola mañá debido ao forte vento do norte, cunha "fronte moi ampla" que avanzaba polo Macizo Central e queimaba a serra en Camba, lugar de orixe do lume.
Pola súa banda, o lume en Chandrexa arrasa unhas 200 hectáreas. A pesar de que se activou a Situación 2 nas Taboazas, o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, explicaba que sobre as 17,30 vivíase con "tranquilidade" por parte dos veciños dunhas cinco casas habitadas na zona, sen necesidade de desaloxos, posto que non había perigo. De feito, ao longo da tarde desactivouse esa alerta.
O forte vento levou o lume tamén ata ao lindeiro municipio de Montederramo. A existencia de "moito fume" dificultaba as tarefas dos medios aéreos, indicaba Francisco Rodríguez. Paralelamente, iniciouse outro lume en Chandrexa debido a un raio no pobo de Campo, na parroquia de Fitorio, aínda que este está "controlado".
Tamén na provincia de Ourense, está activo un lume no municipio de Carballeda de Valdeorras, municipio que xa estivo afectado na vaga de incendios de xullo. Tras iniciarse na parroquia de Casaio, queima 440 hectáreas. Xunto a isto, o foco de Verín continúa baixo control. A Xunta apunta que se iniciou en máis dunha de decena de focos diferentes e informa de que arrasou unhas 600 hectáreas.
INCENDIOS CAUSADOS POLO TREN
Mentres, a Xunta tivo que activar a Situación 2 en todo o distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro debido á proximidade do lume a varios núcleos de poboación nos municipios ourensáns de Boborás, O Irixo e O Carballiño.
Segundo relataba a Europa Press a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, os veciños "están a confinarse nas súas vivendas" por mor da proximidade do lume. Sinala que estes incendios foron provocados polo paso dun tren, que deixa focos en: Fondo de Vila, Eixán, Cibreiro, Rodas, Xuvencos, Xurenzás e Ventosa.
Pola tarde, lamentaba que a situación era "crítica" e estaba "descontrolada" con perigo para os pobos. De feito, a través das súas redes sociais, a alcaldesa recomendou aos veciños: "Ponde coches en posición de saída. Regade a contorna de vivendas e, sobre todo, protexédevos".
Segundo a información de Medio Rural, o lume de Boborás iniciouse na parroquia de Astureses ás 17,30 horas e está activo. Traballan catro helicópteros, entre outros medios. Dáse a circunstancia de que xa rexistraron máis incendios provocados polo paso do tren neste municipio nos últimos anos.
Pola súa banda, o incendio do Irixio xa arrasa unhas 240 hectáreas. Comezou ás 12,30 horas na parroquia de San Cosmede de Cusanca. Traballaron oito avións e 11 helicópteros, entre outros. No Carballiño, hai un lume activo na parroquia de Longoseiros. Comezou ás 15,51 horas. Traballan dous avións, tres brigadas e unha motobomba.
Así mesmo, suspendeuse a circulación da liña convencional de tren entre O Irixo e Lalín por varios focos de incendio próximos á vía. Afecta a trens que circulan entre Ourense e Santiago de Compostela, o que obrigou ao transbordo por estrada dos pasaxeiros.
SITUACIÓN "MÁIS CALMA, MENOS TENSA" TRAS As CHOIVAS
Neste mércores, o conselleiro de Medio Rural, José González, insistiu, nun acto en Pontevedra, en que hai un "forte compoñente de intencionalidade" nos incendios en Galicia nas últimas semanas. "Non teño constancia de que haxa un grupo organizado", deixou claro, iso si.
Pasadas as 20,00 horas deste mércores, en declaracións á Radio Galega, o conselleiro explicou que a situación no Irixo, O Carballiño e Boborás está "mais calma, menos tensa". Apunta que a chegada das choivas baixou "a intensidade" das chamas. No tocante a Laza, afirma que "con toda a cautela" a situación "está moi mellorada".
OUTRAS PROVINCIAS
Noutra orde de cousas, o Goberno galego desactivou a Situación 2 de alerta por proximidade a vivendas no incendio das Pontes de García Rodríguez, que se decretou o pasado martes a última hora pola proximidade das chamas ao núcleo de Cuíña. Está controlado desde esta tarde de mércores tras queimar unhas 105 hectáreas.
O concello coruñés rexistraba outro foco na noite do martes que, con todo, quedou controlado na tarde deste mércores. Iniciado na parroquia de Vilavella, queimou unhas 60 hectáreas.
O outro incendio na provincia da Coruña é o do Barbanza, que non rexistra cambios --permanece estabilizado desde o luns--. O lume iniciábase o pasado xoves na parroquia de Cures, en Boiro, con afectación tamén aos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira.
Este lume é o de maior superficie calcinada no mes de agosto en Galicia, con 2.200 hectáreas ardidas. A Xunta informou de que orixinou na cheminea dunha vivenda en Boiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.