Chega a choiva a Galicia, pero miúda e acompañada de centos de raios

Algúns raios provocaron lumes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2022 | Actualizada ás 21:28

Comparte esta noticia

A choiva caeu este mércores en boa parte do territorio galego, afectado pola seca tras acumular numerosas xornadas sen precipitacións, pero fíxoo acompañada de treboadas que deixaron centos de raios en Galicia.

Así o reflicte Meteogalicia nos datos que, ás 20,45 horas deste mércores, recolle no último parte da súa páxina web, e que eleva a máis de 3.700 os raios que caeron en Galicia nesta xornada.

A pesar de que, a diferenza do que sucedeu no fenómeno meteorolóxico das treboadas secas de xullo, que deron pé a grandes incendios en Galicia, neste caso os raios foron acompañados de choiva, autoridades municipais e efectivos de extinción vinculan algún foco rexistrado cos mesmos. É o caso do lume de Fitoiro, en Chandrexa.

A predición meteorolóxica para este xoves apunta que Galicia quedará nunha situación de pantano barométrico ao longo do día, con presenza de aire frío en capas altas. Esta configuración, segundo Meteogalicia, levará intervalos de ceo anubrado con chuvascos e treboadas dispersas, máis probables cara ao norte e noroeste durante a mañá e no interior durante a tarde.

No litoral, persistirán as néboas, que irán entrando en terra na fachada atlántica pola noite; e as temperaturas descenderán de forma moderada, excepto no extremo norte. Os ventos estarán en calma ou soprarán frouxos de compoñente oeste.

Treboada. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo
Treboada. Foto de arquivo.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta