Varíola do mono: que se sabe até agora?

As relacións sexuais son a principal vía de transmisión e o grupo de poboación máis afectado son os homes que teñen sexo con outros homes. Pero os científicos piden non estigmatizar o colectivo gai e avisan de que se poden producir casos en grupos poboacionais cun perfil diferente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A varíola dos monos é unha enfermidade zoonótica viral cuxos primeiros casos en humanos foron identificados na República Democrática do Congo en 1970. É unha enfermidade endémica nalgúns países de África occidental e central, e todos os casos identificados fóra de áreas endémicas ata 2022 eran importados ou vinculados a un caso importado ou a animais importados destas áreas. Pero en maio de 2022, Reino Unido informou sobre a identificación de varios casos sen antecedente de viaxes recente a áreas endémicas ou contacto con casos notificados previamente. Desde entón, numerosos países, principalmente de Europa e América, comunicaron casos confirmados ou en investigación sen vínculos epidemiolóxicos con zonas endémicas de África occidental ou central, sendo a primeira vez que se notifican cadeas de transmisión de varíola do mono en Europa e outras áreas non endémicas.​

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO - Europa Press.

O 23 de xullo pasado, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o gromo de varíola do mono como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, nivel máximo de alerta fixado polo Regulamento Sanitario Internacional cando unha patoloxía infecciosa se expande a diferentes países de forma descontrolada.

Estados Unidos e España son os países con máis casos confirmados; no mundo xa son preto de 40.000 os infectados

A 16 de agosto de 2022, só no Estado español se contabilizaban 5.583 casos, con Madrid e Cataluña á cabeza, con 1.885 e 1.782 infectados, respectivamente. En Galicia eran 87 os casos confirmados. Do total de contaxiados, a inmensa maioría, 5.485 casos, eran homes e só 98 mulleres foran contaxiadas. E os afectados tiñan idades entre 10 meses e 88 anos, cunha mediana de idade de 37 anos.

Aínda que a maioría dos infectados non requiren hospitalización, arredor do 3 % tivo que ser ingresado e, destes, dous tiveron que pasar a UCI con diagnóstico de meningoencefalite, con resultado final de morte.

No mundo, a 17 de agosto, os casos confirmados eran 39.434, dos cales 39.047 se rexistraron en lugares onde non se reportara antes esta enfermidade, sendo Estados Unidos o país con máis infectados, con 13.516, seguido por España.

CAMBIOS NA IDENTIFICACIÓN DAS LESIÓNS

Precisamente, veñen de publicarse os resultados dun estudo no que participaron máis de 30 dermatólogos e investigadores de todo o territorio estatal –incluídos expertos dos Complexos Hospitalarios Universitarios de Vigo e A Coruña.– a través da Academia Española de Dermatología y Venereología (AEDV), que analizaron datos do 28 de maio ao 14 de xullo.

Ao contrario do que se pensaba, as lesións na zona de inoculación non son pústulas, senón pápulas sólidas (sen pus no seu interior)

Os investigadores e investigadoras analizaron as variables epidemiolóxicas e clínicas de 185 pacientes con resultado positivo a varíola do mono. O máis substancial desta investigación é que ofrece unha mellor descrición das lesións cutáneas que aparecen nesta enfermidade e permitiu analizar a presenza concomitante de manifestacións non dermatolóxicas e outras infeccións de transmisión sexual presentes no momento do diagnóstico, o que avala a importancia dunha busca activa. para estas patoloxías cando se sospeita de varíola do mono.

Ao contrario do descrito ata o de agora, as lesións na zona de inoculación non son pústulas, senón pápulas sólidas (sen pus no seu interior), homoxéneas e dunha cor esbrancuxada. Este cambio, segundo os expertos, facilita moito o diagnóstico diferencial e fai moito máis sinxelo recoñecer a enfermidade.

En canto ao período de incubación da varíola do mono, observaron que é de 5 a 21 días, pero cunha mediana de 6 días até o inicio dos síntomas, e aparecen lesións na zona de contacto. A maioría dos pacientes comezan con lesións na cara que se estenden aos xenitais, brazos, mans e zona perianal. Non obstante, non é habitual ver máis de catro zonas do corpo afectadas. 

As lesións atópanse en zonas con eritema (afección da pel ou das mucosas caracterizada pola aparición de manchas vermellas producidas por conxestión dos capilares) e edema (inchazo producido, especialmente, no tecido que ocupa os intervalos entre os órganos, debido a unha acumulación excesiva de líquidos segregados por certas membranas ou producidos anormalmente) que poden ser dolorosas. A evolución das lesións adoita ser, primeiro de base plana, seguida de burbullas con líquido, e pústulas con pus que finalmente secan e caen.

O habitual, segundo os autores do estudo, é que a sintomatoloxía cutánea apareza en zonas de contacto durante as relacións sexuais. Isto pode incluír lesións na farinxe, a canle anal, a cara e os dedos.

Os homes representan case a totalidade de casos e case o 100% mantiveron relacións sexuais con outros varóns, a maioría con comportamentos sexuais de risco

Os 185 pacientes tiñan síntomas sistémicos asociados á infección: ganglios linfáticos inchados, febre, dores musculares, fatiga e dor de cabeza, por orde de prevalencia. A maioría das veces estes síntomas apareceron de forma concomitante ou entre dous e tres días antes da aparición das lesións cutáneas.

Todos os casos do estudo foron homes, e case o 100% deles mantiveron relacións sexuais con outros varóns, a maioría con comportamentos sexuais de risco, e o 76% deles estaban coinfectados cunha enfermidade de transmisión sexual. No traballo descártase que padecer unha infección de transmisión sexual non exclúe de sufrir a varíola do mono, de igual maneira que os pacientes coa mesma deben ser estudados para descartar outras enfermidades de transmisión sexual. O que si queda claro é que a ruta de transmisión principal para o gromo é fundamentalmente o contacto durante as relacións sexuais.

Por outro lado, ningún dos pacientes incluídos neste estudo morreu e a hospitalización foi pouco común. De feito, só catro persoas foron ingresadas para controlar a dolor ou para a vixilancia preventiva de aparición de síntomas severos. Con todo, describiuse un pequeno risco de falecemento e os científicos e científicas responsables do estudo avisan de que a enfermidade é moi incómoda e pode ter consecuencias a longo prazo que poden levar a secuelas, mesmo cicatrices en áreas visibles.

Este estudo buscou explorar e describir os casos clínicos do gromo no Estado español, investigar as características epidemiolóxicas, se existen diferenzas no período de incubación e estudar os factores asociados á gravidade da enfermidade. O 10% dos pacientes nacera antes de 1972, período no que aínda se administraba a vacina contra a varíola, e o 42% tamén estaban infectados polo VIH. Pensábase que estas dúas variables podían representar unha diferenza no número de pústulas ou áreas afectadas nos pacientes, pero non se observaron diferenzas con respecto aos que non cumprían estas variables. Polo tanto, os científicos cren que nin a enfermidade por VIH ben controlada nin a vacinación previa contra a varíola afectan a gravidade das lesións nos pacientes.

“EVITAR A ESTIGMATIZACIÓN”

Pablo Fernández González, coautor do estudo e membro do Departamento de Dermatoloxóa do Hospital Ramon y Cajal de Madrid, explica desde o Science Media Center que “se trata dunha enfermidade leve na maioría dos casos”. Con todo, dique “hai que prestar especial atención á sintomatoloxía máis atípica que puidese aparecer illada ou que conleve un manexo máis complexo como a proctite, as lesións na vía aérea e os uñeiros”.

Os científicos piden ter “coidado para evitar a estigmatización” de colectivos, como o homosexual, pero piden dirixir “todos os esforzos de control" a este grupo

Tamén avisa de que “aínda que o gromo actual está a producirse fundamentalmente en homes que teñen sexo con homes con prácticas sexuais de risco, cabe a posibilidade de que co aumento da incidencia se produzan casos en pacientes ou grupos poboacionais dun perfil diferente”.

Fernández pide ter “coidado para evitar a estigmatización” de colectivos, como o homosexual, como aconteceu por exemplo coa sida, pero ao tempo considera que actualmente “todos os esforzos de control (información, vacinación…) deben dirixirse principalmente a este grupo máis afectado, coa axuda dos colectivos LGBTIQ+, para protexelos e ofrecer unha oportunidade óptima para controlar o gromo; sen deixar de lado a importancia de que todos os profesionais sanitarios, independentemente da especialización, coñezan esta enfermidade e as súas características clínicas, para poder diagnosticar a patoloxía en calquera persoa susceptible ao contaxio”.

“Neste momento, a nosa arma principal para o control do gromo é animar e insistir aos pacientes que recibisen un diagnóstico de cumprir o período de illamento recomendado. Ademais, dispoñer da vacina poderá axudar a inmunizar os contactos dos casos confirmados ou a toda aquela persoa que poida ter máis risco de adquirir a enfermidade”, comenta este especialista.

Como explica Fernández, quedan moitas cousas por saber aínda, como a persistencia do virus en fluídos ou mucosas, a posibilidade de contaxio a través de persoas asintomáticas ou o manexo máis idóneo dos pacientes.

MÁIS ESTUDOS

Paralelamente, vén de publicarse outro estudo sobre manifestacións clínicas da varíola dos monos en 181 pacientes de tres clínicas de saúde sexual de Madrid e Barcelona, desde o 11 de maio até o 29 de xuño deste ano. Os resultados están na mesma liña que o anterior.

Nesta investigación resáltase a presenza de lesións cutáneas en zona xenital e perianal como manifestacións iniciais da infección, ademais de manifestacións atípicas como a proctite, as lesións orofarínxeas ou os abscesos.

A carga viral das lesións é moito maior nas cutáneas que nas mostras orofarínxeas, polo que o contacto directo é a ruta de transmisión máis importante, sendo menos efectiva a vía de transmisión aérea

Tamén se sinala como principal ruta de transmisión o contacto sexual estreito. Ao cuantificar a carga viral das lesións, observaron que esta era moito maior nas lesións cutáneas que nas mostras orofarínxeas, algo relevante, xa que apoia a hipótese de que a vía de contacto directo, principalmente sexual, é a ruta de transmisión máis importante e frecuente, sendo menos efectiva a vía de transmisión aérea.

E sublíñase que a maioría dos casos neste estudo tamén foron leves e os que requiriron tratamento específico ou ingreso hospitalario (só tres) foi para o control da dor.

Mentres, outra investigación realizada no Hospital Bichat-Claude Bernard de París (Francia) detectou o virus da varíola do mono en mostras anais de homes que teñen relacións sexuais con homes asintomáticos. Estes resultados suxiren que a vacinación limitada a aqueles con exposición coñecida ao virus da varíola do mono pode non ser suficiente para previr a infección.

Os investigadores realizaron de forma retrospectiva probas de detección do con PCR en todos os hisopos anorrectais que se recolleron como parte dun programa de detección de infeccións de transmisión sexual.

Das 200 persoas asintomáticas examinadas que resultaron negativas para gonococo e clamidia, 13 (6,5%) resultaron positivas á PCR para o virus da varíola do mono. Dúas desas 13 persoas desenvolveron posteriormente síntomas de varíola do mono.

Descoñécese se a infección asintomática desempeña un papel na transmisión do virus da varíola do mono. Pero a actual epidemia mundial desta enfermidade e o modo de transmisión de persoa a persoa poden achegar probas de que pode producirse unha propagación asintomática ou preclínica.

Os investigadores suxiren que "é probable que se necesite unha estratexia ampliada de vacinación en anel e outras intervencións de saúde pública nas comunidades de maior risco para axudar a controlar o gromo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta