GC Aberto

Somos comunidade ou a falacia individualista

Por admin | GCABERTO | 26/08/2022

Comparte esta noticia

Un día calquera mancas un pé, algo tan común como fracturar o quinto metatarso e vives en carne propia a falacia do individualismo. Xa o sabías, claro, mais agora cada segundo, tic tac, íspete da túa inutilidade, desa incapacidade de andar dous pasos facendo equilibrios (bieito tai chi) para ir ao escusado soa. Ti, que como decrecentista, sabes que todos necesitamos de todos e que nalgún momento das nosas vidas ímolo experimentar, malia iso sénteste culpabel de necesitar aos demais, incluso aos teus demais. Herdanza produtivista interxeracional.

Unha muller camiña por unha rúa do Grove. Beatriz Ciscar - Europa Press
Unha muller camiña por unha rúa do Grove. Beatriz Ciscar - Europa Press

Por outra banda, unha fractura, mesmo non grave, faiche ver máis nidiamente o esfarelamento do sistema público de saúde. Marchas de urxencias cun informe escueto, unhas receitas de analxésicos e antiinflamatorios e un consello de que te autoinxectes eparina na barriga para evitar trombos. Tal como aquela parodia de Mr. Been da automedicina. Da túa conta corren os gastos en muletas, zapato de descarga parcial, fisioterapia...ou, de non ter pecunio, encomendarse á virxe de Lourdes ou de Chamorro.

Non é desidia dos sanitarios senón mercantilización do sistema de saúde, desinvestimento e deriva dos cartos públicos cara a medicina privada, esa que só certo nível de ingresos permite pagar. Esa que se desentende de ti cando tes algo grave ou non rendivel.

Mais todo ten as dúas facianas. Non poder salvar as escaleiras e carecer de ascensor confínate a un encarceramento delongado. Sorte se non vives soa e tes quen te achegue a comida e os coidados. Porque vivimos nunha sociedade no que unha parte da cidadanía vive soa, é idosa ou con algunha dependencia. Nunha sociedade onde non temos un servizo público ou comunitario de coidados. Unha sociedade na que unha persoa que padeza calquera doenza dexenerativa ou un accidente que a fai depender dunha cadeira de rodas é forzada a vivir pechada de por vida nun edificio-ratoeira sen romper aínda no século XXI as barreras arquitectónicas.

O concello de Ferrol, cunha povoación avellentada, sería ideal para pór en marcha un programa serio e comunitario de economía feminista que resolva o conflicto capital-vida e, de resultas, fixe traballo local en cooperativas de coidados. Emerxer toda esa economía invisibilizada que terma das costas das mulleres, maiormente. Das mulleres desta banda do planeta e agora, coa liberación da muller, tambén das mulleres migrantes que se ven forzadas a abandonar aos seus para coidar aos nosos en condicións de precariado perpetuo cando non de ilegalidade.

Cando unha mancadura reduce a túa velocidade, faite temporalmente sedentaria e os teus movementos van ao ritmo do caracol, xurde esa reflexión acougada que tiñamos no mundo previrtual que nos trae a capacidade relacional de ideas e vivencias. E unha pergunta teimuda resoa nas nosas tempas, por que os medios recollen o feminismo da igualdade e con esa mínima aspiración a crebar o teito de cristal e ficar só na paridade? Por que ser feminista limítase a querer igualar o mundo patriarcal competitivo, individualista e excluínte dos homes? Cando unha política realmente feminista consistiría, pola contra, en invertir os valores de crecemento e competitividade, de desigualdade e saqueo territorial?

Un día calquera mancas un pé e decátaste que ninguén sobrevive no individualismo. Descátaste de que somos seres sociais, como moito individuos (in dividuus, non divisiveis) eis que o noso corpo non se pode dividir, que se nos cortan pola metade morreremos, cousa que non lle pasa a unha planta. Daste de conta de que unha árvore aseméllase moito máis a unha colonia de abellas ou de formigas do que a un animal isolado. Porque, como din Stefano Mancuso e Alessandra Viola no livro Sensibilidade e intelixencia no mundo vexetal, as plantas malia ser tan antigas son excepcionalmente modernas porque empregan propiedades emexentes, típicas dos superorganismos ou as intelixencias de enxamio, baseadas nas conexións en grupo nas que se asentan moitas das tecnologías xurdidas coa aparición de Internet. Trátase daquelas propiedades que as entidades individuais desenvolven só en virtude do funcionamento unitario do conxunto. Ningún dos seus compoñentes as posúe de xeito autónomo, como acontece coas abellas e as formigas, que uníndose en colonias desenvolven unha intelixencia coletiva que sobarda á das partes individuais que a constitúen.

Pode que a nosa perda da vida comunitaria, varrida polo neoliberalismo, e ese concepto de progreso esquecido dos límites biofísicos do planeta, nos impida recoñecer o mundo vexetal como un organismo social tan sofisticado e evoluído coma nós. A isto contribúe a diferenza de escada temporal. As plantas móvense tan de vagar que a nosa ollada non o percibe e pode que por iso e polo noso isolamento da natureza, coidemos que son seres inanimados, obxectos ao noso dispor para mercantilizar. Mais as plantas espállanse por todo o territorio grazas aos insectos e aves que actúan como o seu correo postal. Paradoxalmente, somos dependentes delas. Elas xeran a enerxía que nós derrochamos en inutilidades (madeira, carbón, petróleo e demais fósiles) polo que son o sostén da nosa civilización. Producen o osíxeno e absorben o CO2 e sustancias contaminantes, moderando o clima. Quizais por iso os baños de bosque reducen o noso estrés e melloran o noso estado de ánimo, reducindo o tempo de sanación das doenzas. Se mañá desapareceran as plantas da Terra, a vida humana sobreviviría uns meses acaso. Se nós desapareceramos, as plantas reapropiaríanse do territorio e en a redor dun século non ficaría pegada da nosa milenaria civilización que non quedara soterrada no verde. Elas nos aprenden a humildade e nós respondemos cos incendios provocados.

Un dos principais ensinos do ecofeminismo é valorar esa obrigada dependencia intra e inter especies, ese delicado equilibrio ecosistémico que mantén a vida no planeta e que nos preme a recuperar a xestión comunitaria e racional do territorio. O seu reto é hoxe mudar a escala de valores da sociedade e educármonos na conciencia dunha intelixencia sensivel.

Potenciar a nosa sensibilidade, traballar os cinco sentidos a fondo e de vagar dende crianzas na humilde sabencia de recoñecer que carecemos dos outros quince sentidos máis que as plantas teñen pois elas, sendo ben máis sensiveis ca nós, son quen de sentir e calcular a gravidade, os campos electromagnéticos, a humidade e analizar abondosos gradientes químicos. Amais de se orientar, falar entre elas, con outros animais ou mesmo recoñecer a seus familiares.

Así que cando teñades que ficar aquí plantados coma min, anque sexa un bocado de tempo, non o teñades a menos.

IOLANDA TEIXEIRO REI

FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta