Por Valentin Carrera | Edimburgo | 17/09/2014 | Actualizada ás 11:23
Pensei que Rajoy ía entrar no haggis escocés enviando a María Dolores de Cospedal a facer campaña, pero ao fin foi o propio Cameron quen viaxou onte ata Aberdeen, non tanto para escoitar os sabios e moderados consellos do profesor de Ciencia Política Michael Keating, especialista nos procesos de Escocia, Quebec e Cataluña, como para lanzar avisos a navegantes: “Si os escoceses votan irse, será un divorcio doloroso, pero será un divorcio sen marcha atrás, con todas as consecuencias”. Escocia perderá a libra, sairá da UE e da OTAN, os escoceses quedaran sen pasaporte británico, sen pensións e sen a potente rede de embaixadas británicas en todo o mundo. ¡Estades avisados!.
Esta idea de matrimonio indisoluble introducida por Cameron en Aberdeen é patolóxica. Existe o matrimonio para toda a vida, “na dor e na enfermidade, ata que a morte nos separe” e o matrimonio como contrato civil de convivencia, voluntariamente renovada cada día (ou non), con opción ao divorcio. Este último en España é máis recente, para que nos imos a enganar; e están tamén as unións de feito e as familias de xeometría variable.
Inglaterra e Escocia casaron en 1707, pero non foi unha voda por amor, senón un matrimonio por interese, inducido con subornos, espías como o novelista Daniel Defoe, pactos segredos e leas de alcoba entre os Hannover e os Estuardo. Lograr un divorcio amizoso e a separación de bens de mutuo acordo 307 anos despois ten certa dificultade, pero nada lexitima a Cameron para forzar á doce Escocia a seguir xacendo no tálamo británico contra a súa vontade. O seu discurso en Aberdeen soa a palabrotas de marido despechado, algo cornudo, porque Escocia e Salmond queren deitarse coa ninfa Europa, o cal a Cameron aínda lle amola máis, dada a súa coñecida aversión europea.
É verdade que o rozamento fai o agarimo (ou non) e escoceses e ingleses, como galegos, cataláns e casteláns, teñen en común algo máis que un bolero, pero haberá que recordar de novo a manida cita de Ortega, “a nación é un proxecto suxestivo de vida en común”. Un plebiscito diario, dicía Renan. Non se concibe a convivencia voluntaria entre dúas persoas libres sen ese plebiscito diario que chamamos amor, con todos os seus matices. Un matrimonio que non comparta un proxecto suxestivo de vida en común ten un problema: un dos dous traga máis da conta, xa sexa por necesidade, medo ou dependencia física, psicolóxica, económica. “Agora que xa me fixera a esta repugnancia... morreu”, dicía a recente viúva, tras soportar décadas de matrimonio modelo Cameron.
Parece que bastantes escoceses non se fixeron ben a esa repugnancia (¡poderían sumar o 50%, que son moitos, mírese como se mire!) e están pedindo o divorcio, co risco de perder a casa, a pensión e a custodia dos fillos. As ameazas sobrevoan o ceo das Highlands sen que un xuíz neutral poña as cousas no seu sitio. Nos divorcios entre Estados debera haber un Tribunal Internacional algo máis neutral que a Queen Elizabeth: a parte contratante da outra parte non pode ser xuíz e parte.
A todo isto fáltalle un pouco de imaxinación constitucional e sóbranlle ameazas. ¿Que están facendo os Estados, en Reino Unido, en España, en Francia, para que millóns de cidadáns sintan a desafección dos que non se sintan á mesa dese “proxecto suxestivo de vida en común”, algo máis suxestivo para uns que para outros?.
¿Que ocorre para que nesta época de crise e disolución familiar haxa máis peticións de divorcio que de matrimonio? ¿Por que Marrocos non quere unirse con Arxelia, nin Colombia casarse con Venezuela, nin sequera por mutuo interese? ¡Só separacións e divorcios, pacíficos como o de Checoslovaquia, sanguentos como o de Irlanda, ridículos como o de Kosovo, para ser a mantida de USA, ou patéticos como o de Chipre!.
Só divorcios, por desamor, por desafección, por falta de proxecto suxestivo en común. Divorcios case sempre a cara de can, o que esixe unha pregunta máis, ¿por que quen ocupa no matrimonio estatal a posición preeminente, a cadeira do patriarca, négase a conceder a separación de bo grado á esposa díscola, xa sexa Lady Escocia ou Dona Catalunya?.
O furacán do referendo escocés cuestiona moitos cimentos corroídos e abre en canal a necesidade de novos pactos de convivencia política, un certo regreso ás raíces atenienses. O Estado-nación non pode ser un túnel de dirección única, sen saída, e o Better together ten que basearse na sedución e o amor, e non na violencia doméstica. Dous millóns e medio de escoceses queren divorciarse de Londres: quizais non se senten tratados con agarimo. @ValentinCarrera
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.