Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/09/2022 | Actualizada ás 15:37
A edil da Marea Atlántica no Concello da Coruña Claudia Delso confirmou, a través de redes sociais, que renuncia á súa acta por "cuestións persoais e tamén políticas", de forma que o do día 8 será o seu último pleno municipal.
Trasládao en redes sociais tras comunicalo ao grupo municipal, á coordinadora da Marea Atlántica e á alcaldesa da Coruña, Inés Rey. En concreto, explica, a súa decisión "de dimitir e deixar o Concello da Coruña antes de que termine a lexislatura".
"É unha decisión meditada" que responde a "cuestións persoais", por unha oferta de traballo en Barcelona, e tamén "políticas", di a edil, que enxalza o traballo feito pola Marea Atlántica e mostra o seu agradecemento por estes anos.
En redes sociais, apunta tamén que "unha vez decidida a non renovación do grupo municipal ao completo, esta debe facerse canto antes para que outros compañeiros e compañeiras tomen a substitución tan sa como necesaria". Na súa despedida, avoga tamén por "construír desde a diferenza" e apela á facer política "con responsabilidade".
Pola súa banda, desde a Marea Atlántica lamentan a marcha de Claudia Delso e trasládanlle o seu agradecemento polo seu traballo, como edil e como responsable de Participación e Innovación durante a etapa de Xulio Ferreiro como alcalde.
"Co seu traballo, contribuíu a pór en marcha políticas que significaron novos dereitos cidadáns e abriron as portas do Concello á veciñanza", expoñen desde o partido instrumental, que destaca medidas como os orzamentos participativos ou a creación do 'escano cidadán'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.