Socorren un condutor cando estaba a piques de caer co seu vehículo ao río Mazo

O 112 intervén tamén nun rescate a outro condutor en Palas de Rei e na atención a un motorista inconsciente en Vimianzo

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2022 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Un condutor foi socorrido este domingo polo 112 cando estaba a piques de caer co seu vehículo ao río Mazo, no concello lucense de Cervantes. Segundo informa o servizo, o propio condutor explicou durante a súa comunicación co 112 que podería saír polos seus propios medios do vehículo, pero quería evitalo polo risco inminente de caer ao río.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte:

Os xestores do 112 Galicia deron aviso aos Bombeiros de Sarria, así como aos voluntarios de Protección Civil de Cervantes, que localizaron o vehículo accidentado nunha zona de difícil acceso da LUP-3505, entre Navia e Pionedo.

O condutor estaba consciente e sentía dor nun ombreiro. Unha vez fóra do vehículo, recibiu asistencia médica por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ao lugar do accidente.

Na provincia de Lugo realizouse outro rescate, concretamente en Palas de Rei, onde se rexistrou outra saída de vía dun turismo na LUP-2901, en Ferreira de Negral, ao redor das 2,00 horas.

A persoa que viaxaba no interior necesitou a asistencia dos equipos de emerxencia para saír completamente do vehículo, que estaba envorcado. Deste xeito, o 112 Galicia pediu a intervención dos Bombeiros de Chantada e dos membros do GES de Friol-Pas, que finalmente asumiron os labores de excarceración.

Cando puido saír do coche, o ferido recibiu a asistencia médica necesaria e foi trasladado ao centro hospitalario de referencia.

Tamén ao redor das 2,00 horas, en Vimianzo (A Coruña), un motorista sufriu unha caída cando circulaba pola AC-552.O aviso chegou ao 112 Galicia a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que indicaron que o condutor estaba inconsciente.

Co fin de apoiar ao servizo médico, pediuse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta