Dermatite atópica, máis ca unha enfermidade da pel: a saúde mental tamén se ve afectada

O 86% dos pacientes ve tan prexudicada a súa autoestima que afirma evitar actividades cotiás como bañarse, levar pantalóns curtos, saias ou camisetas de manga curta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2022 | Actualizada ás 09:59

Comparte esta noticia

Estímase que máis de dous millóns de persoas en todo o Estado conviven diariamente coa dermatite atópica, das cales 30.000 persoas adultas e máis de 20.000 crianzas sofren a versión grave desta enfermidade (DAG) con lesións cutáneas, picor constante e intenso, sequidade ou gretas na pel.

Dermatite atópica
Dermatite atópica | Fonte: Wikimedia.

Con todo, máis alá destas doenzas físicas, un dos principais retos aos que se enfrontan as persoas con DAG é o impacto que pode chegar a ter a enfermidade na súa saúde mental. De feito, segundo os datos manexados pola organización Sanofi, o 86% dos pacientes ve tan prexudicada a súa autoestima que afirma evitar actividades cotiás como bañarse, levar pantalóns curtos, saias ou camisetas de manga curta.

Co gallo do Día Mundial da Dermatite Atópica, conmemorado cada 14 de setembro, organizacións e asociacións de persoas afectadas promoven distintas iniciativas para empoderar os pacientes e dar visibilidade a esta doenza. Xa no 2021, a Asociación de Afectados por DA (AADA) e Sanofi lanzaron a primeira edición de #HistoriasConLuz, unha iniciativa que recollía historias de superación de pacientes con DAG reais para crear un punto de encontro onde pacientes e familias puidesen sentirse identificadas.

Este ano, a iniciativa segue á procura de novos testemuños. Para participar, as persoas poden enviar o seu relato ata o día 11 de novembro para presentalo en midermatitisatopica.es, a través dun formulario habilitado xa sexa por escrito, cun audio ou mediante un vídeo no que se explique brevemente como é vivir con DA (moderada ou grave) e ter que facerlle fronte á enfermidade cada día. Todas as historias recibidas serán publicadas na web e formarán parte da biblioteca coas súas respectivas portadas e recoñecementos.

Así mesmo, a plataforma para a divulgación e educación sobre dermatite atópica en crianzas, Atopic KIDS (@atopickids) pon en marcha o concurso de pintura 'Buscando a Dermi', cuxo obxectivo é promover a participación da rapazada na procura dunha mascota ou ilustración representativa da iniciativa. O proxecto 'Axentes do Cambio' lanza, ademais, un novo desafío para dar con solucións que melloren a autoestima de pacientes con DA. Desde o seu inicio, esta iniciativa recibiu xa 155 contribucións procedentes de 36 países e axudou a financiar 16 novos proxectos en todo o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta