Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2022 | Actualizada ás 20:03
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo este xoves senllas reunións cos embaixadores en España de Lituania e Panamá, con quen abordou as relacións bilaterais con Galicia e posibles canles cooperación e oportunidades de negocio.
Segundo informou o goberno galego, Rueda mantivo un encontro coa embaixadora lituana, Lyra Puisyté-Bostroem, no que tamén participou o cónsul honorario de Lituania en Galicia, Rafael Espona, e no que dialogaron acerca de novas oportunidades de colaboración en ámbitos de interese para ambos os territorios, como o desenvolvemento de novas fontes de enerxía renovable a partir do hidróxeno, os sectores tecnolóxicos (biotecnoloxía, Fintech ou TIC), ou loxística marítima portuaria.
A república báltica ocupa o posto 59 no 'ranking' de exportacións galegas. En 2021, as vendas galegas a Lituania achegáronse aos 34 millóns de euros, destacando sectores como o téxtil e moda, o metalmecánico, a industria química ou a forestal; mentres, as importacións, por valor duns 11 millóns de euros, centráronse en produtos como filamentos sintéticos, cereais e madeira.
Por outra banda, Rueda e Puisyté-Bostroem tamén abordaron a actividade turística e o aumento de visitantes lituanos a Galicia nos últimos anos e, especialmente, neste 2022, cun aumento do 45 % con respecto ao ano anterior (moitos deles para realizar o Camiño de Santiago).
REUNIÓN CO EMBAIXADOR DE PANAMÁ
Alfonso Rueda tamén se reuniu este xoves co embaixador de Panamá, Allen Seller Lara, con quen falou sobre a importancia das relacións entre Galicia e esta república centroamericana, e sobre a intención de seguir avanzando en investimentos e novas oportunidades comerciais beneficiosas para ambas as partes.
As relacións comerciais entre Galicia e Panamá son estables e este país está no posto 68 de exportacións galegas (en 2021 superaron os 25 millóns de euros, destacando sectores como o agroalimentario, téxtil, madeira e barcos). As importacións superaron os 5 millóns de euros, co peixe, crustáceos e mariscos como produtos principais. Segundo lembrou Alfondo Rueda, en 2021 máis de 300 empresas galegas exportaron os seus produtos a Panamá, unha tendencia que se mantivo no primeiro trimestre de 2022.
Así mesmo, destacou o goberno autonómico, "a relación de Galicia con Panamá é histórica", xa que a presenza de galegos nese país remóntase a máis dun século. De feito, a Xunta apoia unha iniciativa da Fundación Nosa Terra para homenaxear, cunha escultura de bronce á beira da Canle de Panamá, o labor de máis de 8.000 galegos que traballaron fai máis dun século na construción desa infraestrutura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.