A FP galega rexistra o seu máximo histórico de alumnado con case 61.000 matrículas

A FP dual lidera este crecemento, cun 24,3% máis de matrículas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2022 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A Formación Profesional galega marcou este curso o seu máximo histórico de matrículas con 60.883 estudantes, o que supón 2.000 máis que o curso anterior e un 75% máis que no ano 2009, segundo os datos ofrecidos pola Xunta este sábado.

Durante unha visita ao Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago de Compostela, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que o crecemento deste curso está liderado pola FP Dual, que aumentou un 24,3% as súas matrículas.

Ademais, tamén subliñou o aumento do alumnado inscrito en másteres, que estrean unha decena de titulacións e incrementaron o número de persoas matriculadas nun 8,4%. Por outra banda, o alumnado de grao superior subiu un 4,6%, o de grao medio un 2,4% e o de grao básico un 0,6%.

Por tipo de formación, as que máis incrementaron foron as de Edificación e Obra Civil (+14,1%), as de Actividades Físicas e Deportivas (+13,3%), as de Madeira, Moble e Cortiza (+10%) ou as de Confección e Pel (+8,8%). Con todo, Rodríguez recoñeceu que, aínda que esperan manter esta dinámica de incremento de alumnado, "vai ser complicado, por unha simple cuestión demográfica".

INSERCIÓN LABORAL

En canto ás taxas de inserción laboral, Román Rodríguez expuxo que se sitúan por encima do 85% de media, mentres que na FP Dual esta taxa alcanza case o 100%. Ademais, o titular de Educación quixo destacar a colaboración co sector produtivo, con "máis de 800 empresas implicadas coa FP Dual neste curso".

Así mesmo, Román Rodríguez fixo referencia tamén ás posibilidades do novo Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, que se estreou esta semana como "o principal espazo de referencia do norte de España nestes ensinos. Un centro que, sinalou, ten como obxectivo "ofrecer unha formación máis práctica, máis flexible e con máis participación das empresas da man da innovación".

Varios estudantes de Formación Profesional. Fabián Simón - Europa Press
Varios estudantes de Formación Profesional. Fabián Simón - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta