A Xunta insta o Goberno a presionar á UE para que "recapacite" o veto á pesca de fondo

O presidente dos Armadores de Vigo cre que a decisión de Bruxelas é "unha manifestación clara de renuncia á soberanía alimentaria",

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2022 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

A Xunta demandou ao Goberno central que este luns, no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, presione a Bruxelas xunto con Francia e Irlanda para que faga "recapacitar ao comisario" ante o "sensentido" do veto á pesca de fondo en case 90 áreas de augas comunitarias.

"Esperemos de que sexan capaces de que o comisario dea un paso atrás e revise todos os informes e datos dispoñibles", aseverou a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Quintana asegurou que o Goberno central é quen está lexitimado para presentar recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea e afirmou que todas as autonomías --Galicia, País Vasco, Asturias, Cantabria e Andalucía-- contribuirían na procura de argumentos xurídicos e datos cos que xustificalo.

No caso de que o Executivo central non actúe, a conselleira avanzou que armadores e administración autonómica buscarán "os fundamentos nos que basear os recursos a presentar". En todo caso, explicou que as comunidades autónomas "non son órganos lexítimos" para poder presentar este recurso, xa que non sería sinxelo "acreditar o impacto directo que ten sobre a comunidade", mentres que "si ten un impacto directo para o Estado e para os propios armadores".

Cuestionada sobre se ve posible unha suspensión cautelar antes do 9 de outubro, cando entraría en vigor, a titular de Mar recoñeceu que depende da "vontade que teña o comisario", aínda que "coa resposta social que está a ter" apelou tamén á necesidade de que os tribunais sexan "conscientes" do impacto que tería o veto nunha "actividade económica fundamental para a produción de alimentos de calidade".

"Nun momento no que tanto falamos do cambio climático, non se pode esquecer que a obtención de proteína mariña ten unha baixa pegada de carbono e nula pegada hídrica á vez que estamos ante un sector que acreditou que traballa axustado ás normas establecidas no ámbito da Unión Europea", reivindicou.

Así mesmo, avanzou que o vindeiro venres está prevista unha reunión en Cantabria de todas as Comunidades Autónomas do Cantábrico e Andalucía, que tamén se ve afectada o caladoiro do Golfo de Cádiz.

"RENUNCIA Á SOBERANÍA ALIMENTARIA"

Pola súa banda, o presidente dos Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, asegurou que a decisión da Unión Europea é "unha manifestación clara de renuncia á soberanía alimentaria". Nunha entrevista en RNE Galicia recollida por Europa Press, Touza argumentou que os maiores produtores de Europa están afectados por estas restricións, polo que "se vai depender cada vez máis de importacións de países terceiros" que, engadiu, "moitas veces non cumpren cos estándares de protección ambiental ou de sustentabilidade".

Ademais, afirmou que "pode producirse un importante desabastecemento de mercado", non só de produtos como a pescada, senón tamén doutras especies. "O impacto para lonxas como Burela, Celeiro, Vigo ou Ribeira vai ser enorme", lamentou. Así, explicou que o veto á pesca de fondo afectará uns 200 barcos galegos, pero, ademais da tripulación, Touza explicou que tamén se debe valorar que, "por cada tripulante, o impacto son cinco postos de traballo en terra".

Con todo, Touza espera conseguir "os efectos suspensivos": "Se temos que agardar á resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea poden tardarse anos e, aínda que resolvan ao noso favor, se cadra xa non existe frota".

Fotos Xunta /Mar / Reunión Sector Pesqueiro.. Xunta de Galicia / Europa Press
Fotos Xunta /Mar / Reunión Sector Pesqueiro.. Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta