Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2022 | Actualizada ás 11:29
O Foro Galego da Inmigración fai un chamamento a toda a cidadanía galega a acudir á concentración que se celebrará este martes, 27 de setembro, en Santiago de Compostela en solidariedade coas protestas desencadeadas polo asasinato de Mahsa Amini, detida en Teherán por non levar o veo ben posto, segundo o balance policial.
En concreto, a concentración terá lugar na Praza 8 de Marzo ás 19:00 horas. O Foro chama a todas as persoas "comprometidas cos dereitos das mulleres, cos dereitos humanos e coa solidariedade internacional" a participar desta protesta. "Abrazamos a resistencia do pobo iraní contra o réxime que atenta contra os dereitos humanos e especialmente contra os dereitos das mulleres nos últimos 44 anos", sinala o Foro Galego de Inmigración.
Por iso, aseguran, apoian esta concentración convocada por integrantes da comunidades iraní residente en Santiago en solidariedade coas protestas desencadeadas polo asasinato Mahsa Amini, que "representan un berro colectivo contra a represión e o recorte de dereitos e liberdades que se exercen contra as mulleres nese país".
"As compañeiras e compañeiros iranies temen que o corte nas telecomunicacións leve a unha escalada de represión e que a opniom pública internacional descoñeza a realidade dos feitos que se están a dar", alerta o Foro no comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.