Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2022 | Actualizada ás 11:32
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, comparecerá a petición propia no próximo pleno do Parlamento galego, que se celebrará o martes 4 e o mércores 5 de outubro, para informar os avances nas medidas que están en marcha como "reforzo da Atención Primaria".
Será nunha sesión con marcado contido sanitario, dado que, tal e como figura na orde do día establecida este mércores pola xunta de portavoces, tamén se votará o proxecto de lei de medidas extraordinarias para impulsar a provisión de postos de difícil cobertura no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Trátase dun texto que chega á súa aprobación final despois de que esta mesma semana, na sesión do martes do pleno, os votos da maioría absoluta do PPdeG permitisen tramitalo pola vía de urxencia por lectura única, a pesar das críticas da oposición --BNG e PSdeG-- por empregar este método que "furta o debate" parlamentario.
O Goberno galego remitiu ao Lexislativo esta norma coa intención de estender a provisión por concurso de méritos ás prazas de difícil cobertura en Atención Primaria, hospitais comarcais e saúde mental, entre outras medidas.
RUEDA RESPONDERÁ SOBRE POLÍTICA SOCIAL E VIVENDA
Mentres tanto, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, someterase de novo o mércores a unha sesión de control na que o portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, preguntaralle sobre políticas sociais. Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interpelarao sobre as medidas adoptadas para garantir o dereito da cidadanía á vivenda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.