Galicia e Portugal impulsan a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés

Investirán 16,4 millóns de euros no período 2022-2025.

Por E.P. | Ourense | 03/10/2022 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

Os gobernos de Galicia e Portugal investirán, no período 2022-2025, 16,4 millóns de euros (dous millóns no caso da administración galega) para garantir o desenvolvemento sustentable da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, segundo confirmou este luns a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presenta o plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presenta o plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés | Fonte: Xunta de Galicia.

Durante a presentación do plan de xestión deste espazo natural (que engloba seis concellos galegos e cinco portugueses), a conselleira explicou que este documento se publicará esta semana no Diario Oficial de Galicia, DOG, e que recolle as liñas estratéxicas e accións a desenvolver no próximo trienio.

O obxectivo, destacou, "é impulsar as actividades transfronteirizas de cooperación entre ambas as rexións" para conseguir un desenvolvemento económico sustentable, combinando a preservación do patrimonio natural e cultural, o turismo e as necesidades dos habitantes deste espazo.

No caso de Galicia, o investimento será de algo máis de dous millóns de euros, xa que o territorio galego na reserva supón só o 24 % do total, e o 12 % da poboación.

Estes fondos destinaranse a catro eixos estratéxicos: imaxe e identidade, desenvolvemento socioeconómico, conservación da natureza e participación e integración social.

Entre as medidas previstas hai un programa de educación ambiental e cultural, actuacións agroforestais e ambientais, restauración de patrimonio arquitectónico, organización da oferta turística, utilización de novas tecnoloxías para a posta en valor do territorio, ampliación e mellora de hábitats e especies vexetais autóctonas, ou accións de formación dirixidas a poboación e axentes locais.

Por outra banda, a Consellería prevé destinar 618.000 euros á restauración ecolóxica de masas de 'quercus pyrenaica' e á sinalización complementaria, adecuación de infraestruturas e adaptación da accesibilidade.

Así mesmo, en 2022 e no marco da convocatoria de axudas para reservas da biosfera en Galicia, adxudicáronse máis de 700.000 euros a concellos e entidades do Xurés para financiar actuacións como recuperación de ecosistemas fluviais, mellora de bosques de especies frondosas, mellora de sendas ou restauración da biodiversidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta