Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 22:00
O suicidio é un dos maiores problemas de saúde pública aos que se enfronta a sociedade hoxe en día. En Galicia, un total de 331 persoas faleceron por esta causa o ano pasado, case o equivalente a unha morte por día. Estas altas cifras, que mesmo poden estar infraestimadas, provocan que o país, cunha taxa de casos por 100.000 habitantes do 12,28%, supere a media estatal (7,79%) e a media europea (11,93%). Aínda así, esta realidade segue habitando silencios, tabús e estigmas que dificultan os labores de prevención do suicidio e que complican aínda máis un dó para familiares e amizades xa de seu moi duro.
"O suicidio é unha conduta que existe dende o principio dos tempos, pero á sociedade cústalle asimilar a morte voluntaria das persoas porque non está preparada para iso. Falamos dun dó moi difícil, para comezar, porque a desaparición da persoa acontece en situacións traumáticas e moitas veces inesperadas", explica a psicóloga Olalla Villaronga, de Andaina Pro Saúde Mental. O impacto dun suicidio individual é amplo: a OMS sinala que cada unha das mortes afecta intimamente, canto menos, a outras seis persoas; e se ocorre nun colexio ou no lugar de traballo, pode ter influencia sobre centos de persoas.
Villaronga rexeita empregar o tempo de superviventes para se referir a esta contorna afectada por un suicidio porque, explica, "afonda no propio estigma" ao incidir na "cuestión traumática e excepcional", e porque remite ao mito do contaxio do suicidio entre xeracións dunha familia. "Cando se comenta isto faise alusión ao mal de ollo ou a unha cuestión xenética, pero en realidade detrás hai unha aprendizaxe de estilos de enfrontar as situacións. Falar de supervivencia pode vincularse a que a persoa se librou dese mal que está sobre a familia", remarca.
ENTRE A CULPA E A VERGOÑA
A culpa, a vergoña, a falta de apoio social e o illamento en comparación con outras perdas caracterizan un dó por suicidio que pode alongarse anos e no que existe un maior risco de se cronificar esa dor extrema. "Este dó é diferente a calquera outro por dúas cuestións principais: o estigma, que impide falar sobre o motivo do falecemento e dar apoio; e a culpa. Hai unha revisión obsesiva da relación con esa persoa para ver se ti puideches facer algo que provocara a súa morte", relata José Eduardo Rodríguez, psicólogo na Unidade de Prevención do Suicidio en Vigo.
O 'por que?', o 'que puiden facer e non fixen?' ou o 'como non me din conta?' son preguntas que resoan unha e outra vez nestes procesos de dó; mais esa culpa, engade Rodríguez, é na meirande parte das veces "sentida con moita intensidade, pero irracional", dado que non hai argumentos que en ralidade a fundamenten. Porén, este sentimento pode analizarse como un reflexo do xeito en que a sociedade interpreta os suicidios. "Ante unha morte por suicidio, que é unha morte non aceptada, o primeiro pensamento de moitas persoas é ese: 'puideron facer algo e non o fixeron'. Isto é algo moi invisible porque ninguén se atreve a verbalizalo, pero está e interiorízase", expón Villaronga.
Á culpa súmase entón a vergoña, moi relacionada coa concepción do propio suicidio que existe na sociedade. "Non podemos esquecer que as persoas estamos atravesadas por cuestións culturais, e que a relixión predominante ten prohibida esta conduta, á que ve como un pecado e unha obra que se fai en contra de Deus", sinala a psicóloga. "Non hai moito que os enterros a estas persoas non se permitían en lugares santificados. Ese ideario, aínda que na práctica mudou, persiste dalgún xeito na sociedade".
ABANDONO SOCIAL
Que o suicidio sexa un gran tabú, a pesar de que cada vez ten máis presenza na conversa pública, provoca que o acompañamento social ás familias e persoas achegadas se vexa moi limitado. Ás veces, por puro descoñecemento sobre como xestionar esa conversa e ofrecer apoio. "Temos medianamente claro como comportarnos e empatizar con persoas que sufriron a morte dun ser querido nun accidente ou por un infarto, pero no suicidio saltan moitas preguntas: Como me achego? Pregunto? Menciono?", explica Villaronga. A necesidade de comunicación e expresión emocional queda, xa que logo, "coartada" nun proceso que adoita vivirse moi "interiormente", no silencio.
"Son dós longos, e a maior parte do entorno social ten unha capacidade de apoio no curto prazo bastante boa, pero que se disipa moitas veces no medio e longo prazo", sinala Rodríguez. "Hai quen ten un entorno fantástico e se senten acompañados, pero outra moita xente vive o seu dó en soidade, porque a busca ou porque non ten outra opción", engade. Neste sentido, as persoas expertas apelan a rachar cos tabús e falsas crenzas que seguen impregnando o suicidio, porque é importante ter a posibilidade desa expresión emocional. "Cómpre que poida ser unha morte tratada e non escondida, e que a sociedade permita iso é un paso fundamental para que esa dor non se complique máis", di Villaronga.
A ATENCIÓN ESPECIALIZADA, UNHA MATERIA PENDENTE
A atención psicolóxica profesional a estas familias e persoas achegadas a través dun programa específico de 'posvención' é unha "materia pendente" en Galicia. O Plan de Prevención do Suicidio aprobado pola Xunta de Galicia no 2017 recolle unha liña estratéxica dedicada a esta cuestión, con tres medidas concretas: fomentar o asociacionismo e a axuda mutua entre superviventes, proporcionar unha axuda específica a través de intervencións preventivas e terapéuticas, e fornecer axuda tamén aos profesionais que trataron con esa persoa que rematou coa súa vida, para reducir o impacto persoal e profesional do suicidio.
Porén, nada disto se levou á práctica: "O movemento asociativo non se desenvolveu en Galicia, e algunha xente á que lle vén ben compartir experiencias estase conectando online cos grupos de axuda mutua doutros lugares", explica Rodríguez. No ámbito sanitario, as persoas afectadas por un suicidio son atendidas, a petición delas, nas canles ordinarias, "cos seus tempos de demora, listas de agarda e periodicidade das citas moi afastada entre si". "Poñer a disposición destas persoas unha atención específica é unha necesidade social aínda non cuberta", coincide Villaronga.
É é que vencer esa culpa require dun gran traballo persoal e, en moitos casos, do acompañamento profesional. "Non hai que intentar esquecer ou superar, senón aprender a convivir con ese dó e gardar o recordo nun sitio o máis amaple posible", conclúe Rodríguez, que subliña a idea de que o suicidio pode previrse e de que é importante acudir ás fontes de axuda se tes ideas autolíticas - entre elas o teléfono 024 -. Dun xeito ou doutro, rachar cos estigmas do suicidio, en tanto que problema non só sanitario senón tamén político e social, é tarefa de todas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.