É bo para a saúde comer atún?

Un estudo galego constata que os altos niveis de selenio fan do atún un peixe saudable.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O atún é o peixe de maior consumo en España e constitúe tamén unha alternativa alimenticia moi saudable, segundo constata a tese de doutoramento presentada este luns polo cambadés Ricardo Núñez Losada na Facultade de Veterinaria da USC baixo o título ‘Contido de metais e metaloides nas presentacións de atún comercializadas en Galicia. Estimacións risco/beneficio para a saúde do consumidor’.

As presentacións en conserva incrementan o consumo de atún a nivel mundial
As presentacións en conserva incrementan o consumo de atún a nivel mundial | Fonte: Santi Alvite - USC

A investigación, baixo a dirección da catedrática de Toxicoloxía Mª Julia Melgar Riol e da profesora da mesma área María Ángeles García Fernández, despexa as posibles dúbidas xeradas arredor do consumo deste tipo de peixe depredador por mor dos altos contidos en mercurio (Hg), así como noutros metais e metaloides, tales como cadmio (Cd), chumbo (Pb) ou arsénico (As).

O veterinario cambadés Ricardo Núñez Losada pon en valor na súa tese a riqueza nutricional do atún e constata que o alto nivel de selenio que contén actúa como antagonista dos posibles efectos adversos para a saúde derivados da presenza de mercurio. A inxestión de atún, xa en fresco xa en conserva, contribúen asemade, segundo os resultados das pescudas realizadas por este investigador, a que as persoas que consuman este peixe acaden os niveis de selenio axeitados.

As análises permitiron determinar, así, os niveis de metais/metaloides (mercurio, cadmio, chumbo, arsénico e selenio). Os resultados mostraron unha presenza, estatisticamente significativa, maior de Hg, Cd e As en atún fresco. O mercurio destaca como principal contaminante, acadando en fresco valores próximos e mesmo superiores ao límite máximo permitido pola lexislación (1,0 mg/kg). No que atinxe ás conservas, a súa comparación segundo o seu líquido de cobertura permitiu comprobar tamén que a preparación en escabeche amosa os niveis máis baixos de Hg, Cd, As e Se. Un feito que, segundo apunta o investigador, podería estar relacionada coa acidez.

A tese, que xa deu pé a tres publicacións internacionais, complétase coa inclusión das estimacións risco/beneficio que salientan o Se como antagonista dos efectos adversos do MeHg. De feito, estes índices proban que os altos niveis de Se do atún abondan para protexer o consumidor do seu contido en metais como o mercurio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta