"Celebrar o 12 de outubro, sen crítica nin reparación, é unha mostra clara de colonialismo español"

Falamos con Aranxa Vicens, activista antirracista do colectivo Resistencia en Terra Allea, convocante da manifestación antirracista e decolonial que percorrerá as rúas de Compostela este 12 de outubro.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2022 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

Mentres en América Latina as estatuas de Cristóbal Colón son derrubadas pola forza da resistencia indixenista, en España o exército desfila pola rúa cada 12 de outubro, o día en que se fixa o principio da Conquista de América. Un proceso que, lonxe de ser un mero 'Descubrimento', supuxo o exterminio da maior parte das persoas que habitaban eses territorios. Os colectivos antirracistas galegos consideran a celebración deste día, "sen ningún tipo de crítica nin política de reparación" unha "vergoña maiúscula" e unha "mostra clara do colonialismo español".

Aranxa Vicens (á dereita) nunha manifestación en Santiago de Compostela
Aranxa Vicens (á dereita) nunha manifestación en Santiago de Compostela | Fonte: remitida

Como sinal de rexeitamento, a Asemblea Antirracista Galega, que pretende ser un encontro de persoas racializadas e migrantes do territorio, convocou unha manifestación antirracista e decolonial o 12 de outubro centralizada en Santiago de Compostela e que sairá da Alameda ás 12:30 horas. Tamén se planificaron concertos, recitais e mesas na Gentalha do Pichel, onde se exporán, explican, "diferentes sentires ao redor do racismo e se compartirán maneiras distintas de sanar os traumas derivados do proceso migratorio". Falamos coa activista antirracista de Resistencia en Terra Allea, Aranxa Vicens. 

Como vivides o feito de que o 12 de outubro se siga celebrando no Estado español? Que representa para vós este día e que representa a súa celebración?

No Reino de España o 12 de outubro segue sendo sinónimo de día de orgullo nacional. Séguese celebrando como un día de festividade onde as forzas armadas mostran o seu

poderío e realizan o seu despregamento e desfile millonario. É o día para que o Xefe de Estado, o Rei, como garante da Coroa, siga sendo o gran símbolo de unidade do Estado. Celébrase o suposto descubrimento de América, que foi ata a data o inicio do peor xenocidio da Historia da Humanidade. Máis de 80 millóns de persoas asasinadas e polo menos 20 millóns escravizadas. Estímase que o 'Descubrimento' foi a causa do exterminio de preto do 90% das persoas que levaban moitas xeracións habitando Abya Yala (máis coñecida como América) e que non necesitaban ser descubertas, vilipendiadas, espoliadas, escravizadas nin asasinadas pola Coroa Española nin ningún outro Reino Europeo.

"Celébrase o suposto descubrimento de América, que foi ata a data o inicio do peor xenocidio da Historia da Humanidade. Máis de 80 millóns de persoas asasinadas e polo menos 20 millóns escravizadas".

É unha vergoña maiúscula, indescritible; unha dor que segue sen repararse 530 anos despois do seu inicio. A celebración deste día, sen ningún tipo de crítica nin de políticas de reparación, é unha mostra clara de colonialismo español. E é que o saqueo continúa, o extractivismo por parte de empresas españolas en Abya Yala segue sendo unha realidade demasiado vixente. O espolio e enriquecemento por parte do Reino de España é un indicio máis de como os territorios e os habitantes de Abya Yala seguen sen recibir ningún tipo de compensación por tantos séculos de opresión, de xenocidio sistémico, de políticas racistas e vexatorias contra os pobos orixinarios e outros habitantes do territorio.

Chamades á mobilización en Santiago cunha manifestación e varias actividades. O feito de organizarse, reivindicar e poñer en riba dá mesa as necesidades das persoas migrantes e racializadas é sanador?

Facer comunidade e crear a través da colectividade son elementos esenciais no noso camiño cara á sanación. As nosas experiencias (únicas e diversas) atópanse na dor (ao que chamamos dororidade) e experimentamos unha sensación de alivio ao atoparnos con outres coma nós. Organizar o primeiro 12 de outubro en Galicia desde colectivos e individualidades migrantes e racializadas é un acto de resistencia e rebeldía que fortalecerá os nosos lazos e o tecido antirracista no territorio.

"Todo o norte global, incluído o Reino de España, segue existindo a costas do sur, destacando as fronteiras como marcos delimitantes e espazos de violencia permanente"

De que xeitos o Estado español perpetúa o colonialismo na actualidade?

Todo o norte global, incluído o Reino de España, segue existindo a costas do sur, destacando as fronteiras como marcos delimitantes e espazos de violencia permanente. A colonialidade, ao ser unha estrutura macrosocial supremacista, reprodúcese en todas as políticas do goberno, na administración dos recursos públicos, na existencia dos Centros de Internamento de Estranxeiros, na Lei de Estranxeiría, na Lei de Violencia de Xénero, na Lei Trans... E poderiamos seguir nomeando leis e reformas que non teñen en conta os corpos migrantes e racializados, sobre todo os que se atopan en situación irregular administrativa.

Por outra banda, están as persoas europeas que á marxe do Estado e con independencia do seu territorio seguen reproducindo as lóxicas coloniais e fortalecen día a día o seu racismo a través da fraxilidade branca e a supremacía. Oxalá puidésemos afirmar que isto se limita a quen se denominan de "dereitas" pero ser de esquerdas non te exime da túa branquitude.

Que impacto teñen estes discursos, sobre todo na dereita e extrema dereita, pero como dis, tamén na esquerda, sobre as persoas migrantes e sobre a percepción que se ten de América Latina?

 

A dereita do Reino de España ten un discurso paternalista que reproduce o "complexo de salvador branco", este paternalismo atopámolo tamén na esquerda, e é importante remarcar as similitudes entre esquerda e dereita porque moitas veces asumimos que son bandos opostos, e cando falamos de persoas migrantes e racializadas dámonos conta de que non. A branquitude atravesa a todes, sen excepción. Este complexo crea o imaxinario de que somos obxecto de "rescate" e que necesitamos axuda, asesoramento e guía para poder sobrevivir tanto aquí como nos nosos territorios. Redúcenos a seres que sanan culpas e cambian vidas, como vemos nos voluntarios que moitas ONGs realizan a países do sur global. O paternalismo, a condescendencia e a superioridade veñen nunha fórmula conxunta, e no caso da dereita derivan nun discurso de odio explícito. Exaltan a nosa existencia como "ex colonias'' porque é unha evidencia do seu "poder e riqueza", pero rexeitan a nosa existencia no territorio porque vimos "roubar" o que non é noso... É evidente o fallo que hai nese razoamento.

"O paternalismo, a condescendencia e a superioridade veñen nunha fórmula conxunta, e no caso da dereita derivan nun discurso de odio explícito"

O impacto de todo este mecanismo de análise da realidade por parte da dereita é a creación de máis obstáculos para as persoas migrantes e racializadas para sobrevivir dentro do Reino de España, pois non son só as políticas públicas alicerces fundamentais para o desenvolvemento do noso benestar, senón tamén a reprodución do racismo cotián que vivimos nos centros médicos, universidades, transportes públicos ou traballos. O discurso de odio establece os límites do aceptable e o non aceptable respecto da violencia que podemos recibir, se se normaliza a violencia cada vez será máis difícil resistir.

 

A idea do 'descubrimento de América' segue moi presente hoxe en día. Vós, que facedes pedagoxía decolonial dende Resistencia en terra allea, considerades que a poboación coñece ben o pasado colonial do Estado español? Asúmese?

É importante deixar claro que o colonialismo foi un feito histórico que tivo lugar durante o xenocidio de 1492. A partir deste suceso establecéronse determinadas clasificacións sociais, estruturas de poder e concepcións como a raza, o "terceiro mundo" e os "países subdesenvolvidos" que serviron para lexitimar toda a violencia vivida ata a actualidade.

A perpetuación das estruturas coloniais chámase colonialidade, e desta nace a branquitude, que é a mirada branca, racista, cisheteronormativa eurocéntrica a través da que se mira o mundo.

É evidente que todos estes conceptos aínda non ocupan os espazos que deberían ocupar. Aínda hai quen cre que cando falamos de branquitude nos referimos á cor da pel, ou que considera Galicia unha colonia. Non hai unha deconstrución porque aínda non hai un recoñecemento da responsabilidade e a débeda que teñen ao ser filles de colonos, cidadáns europeos ou habitantes do Reino de España. Asumir que todas as túas crenzas políticas viran ao redor dunha mirada eurocéntrica e non toman en conta outras realidades é difícil, sabemos que é un proceso doloroso, pero negalo é aínda peor, porque atrasa o proceso de reparación que merecemos a poboación do sur global.

"Non hai unha deconstrución porque aínda non hai un recoñecemento da responsabilidade e a débeda que teñen ao ser filles de colonos, cidadáns europeos ou habitantes do Reino de España"

Por onde debe comezar a reparación?

A reparación comeza co recoñecemento da realidade máis aló do eurocentrismo. A reparación é parte do proceso de deconstrución do noso racismo interiorizado. Ceder espazos, dar protagonismo, ceder privilexios, crear redes de apoio, pór o corpo, son só algunhas das primeiras formas de comezar a reparar, deixar o ego de lado e pór as nosas vidas no centro para poder construír desde abaixo é indispensable, chegar a ser aliade é un camiño difícil, un proceso permanente e un cambio estrutural nas nosas vidas que hai que estar dispostes a vivir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta