Tomé cualifica de "fracaso evidente" a política antiincendios da Xunta

O secretario xeral do PSdeG en Lugo percorreu este sábado algunhas das zonas do Courel máis afectadas polos lumes no verán.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 15/10/2022 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé Roca, percorreu este sábado algunhas das zonas do Courel máis afectadas polos incendios forestais do verán, onde cualificou de "fracaso evidente" a actual política da Xunta en materia de prevención e extinción de incendios.

Un bombeiro camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo
Un bombeiro camiña por unha das zonas queimadas polo incendio de Folgoso do Courel, a 18 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

"As cifras falan por si soas. Este ano arderon máis de 11.000 hectáreas no Courel e na Pobra do Brollón. É o maior incendio rexistrado na historia de Galicia, unha catástrofe ambiental, socioeconómica e cultural", indicou.

Tomé, xunto á Secretaria de Organización do partido na provincia, Pilar García Porto, a portavoz do PSdeG no Courel, Carmen Álvarez, e socialistas do concello, incidiu na actitude de "lealdade, rigor e coherencia" coa que actuaron os socialistas lucenses ante o problema.

"Mentres houbo incendios, a nosa prioridade foi estar cos veciños, achegar medios e loitar contra o lume. Non abrimos entón o debate por sentido da responsabilidade. Pero agora é o momento. A Xunta ten que dar explicacións, asumir a as súas responsabilidades e pór en marcha un cambio radical da súa política de prevención e extinción de lumes", sinalou.

O Secretario xeral dos socialistas lucenses considera que a decisión da Fiscalía de abrir dilixencias de investigación sobre unha posible responsabilidade por inacción da Xunta no tema dos incendios "é un indicio máis de que non está a facer ben as cousas".

XESTIÓN "NEFASTA" DA ALCALDESA

Doutra banda, tamén lamentou "a nefasta xestión" da alcaldesa do Courel fronte aos incendios. "Dixo que non viñeran políticos, só técnicos, porque non quería que ninguén vise o destrozo provocado por ela e polo seu partido na Xunta", asegurou.

"A rexedora e o seu goberno non tomaron nin unha soa medida de prevención e limpeza do monte desde que chegaron ao Concello", continuou. Entre outras deficiencias, sinalaron que as brigadas municipais "comezaron a traballar moi tarde, o 23 de xullo, cando os incendios xa comezaran"; e nos desaloxos "esqueceuse de atender a parroquia de Mazo de Santigoso, e tivo que facerse cargo outro concello".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta