Crónicas desde a guerra: Así pensan os bielorrusos que combaten no exército de Ucraína

Nos últimos días especulase coa posibilidade de que o exército de Bielorrusia interveña directamente na guerra de Ucraína. Pero os centos de voluntarios bielorrusos que combaten integrados no exército ucraíno xa dixeron que serán “os primeiros en loitar” se Lukashenko envía o seu exército. Galicia Confidencial fala cun dos comandantes do batallón Kastus Kalinouski.

Por Miriam González | Kiev, Ucraína | 20/10/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O membros do Batallón Kastus Kalinouski creen que hai unha alta probabilidade de que as forzas de Belarús se involucren directamente no conflito ucraíno. Minsk e Moscova están formando unha agrupación conxunta de tropas bielorrusas e rusas para que se estacione no territorio de Belarús

Un dos vehículo do Batallón Kastus Kalinouski co escudo da formación
Un dos vehículo do Batallón Kastus Kalinouski co escudo da formación | Fonte: Miriam González

 

Centos de opositores ao goberno de Alexander Lukashenko decidiron tomar as armas e trasladarse a Ucraína para loitar contra a invasión rusa. A especial implicación destes cidadáns bielorrusos na guerra e a vontade de loita que demostraron durante sete meses de batallas convertéronos nun destacado grupo entre os defensores do país. Integrados dentro das Forzas Armadas ucraínas loitan pola vitoria de Kiív, pero o seu propósito final  é “liberar a Belarús do réxime de Lukashenko e de Putin”. O Batallón Kastus Kalinouski, a maior agrupación de combatentes bielorrusos, recibe a Galicia Confidencial na súa sé central.

 

“Se o exército bielorruso cruza a fronteira con Ucraína eses soldados serán ocupantes, e o Batallón Kastus Kalinouski será o primeiro en loitar contra eles”, afirma con rotundidade Mark, un dos xefes de persoal do grupo. As últimas declaracións do mandatario bielorruso avivaron as sospeitas sobre unha posible intervención directa do exército de Belarús na guerra de Ucraína. Os integrantes do Batallón Kastus Kaliunouski consideran que “a posibilidade de que Lukashenko decida mandar as súas tropas a loitar en Ucraína é moi real, pero esperamos que estes soldados bielorrusos decidan non combater e se unan a nós” apunta, Vazdim Kabanchuk, comandante adxunto desta agrupación.

Vazdim Kabanchuk, comandante adxunto do Batallón Kastus Kalinouski
Vazdim Kabanchuk, comandante adxunto do Batallón Kastus Kalinouski | Fonte: Miriam González

 

A semana pasada as autoridades de Minsk impuxeron un réxime de operacións antiterroristas debido “as inminentes provocacións por parte de estados veciños”, aínda que non aportaron ningunha proba diso. Outra sinal preocupante deuse o 10 de outubro cando o presidente bielorruso, Alexander Lukashenko, anunciou o establecemento dunha agrupación rexional conxunta de tropas rusas e bielorrusas que contarán con ata 9.000 soldados de Moscova. Unha parte dos efectivos rusos xa comezou a chegar a terra bielorrusa e instaláronse en bases militares do norte do país. Alí poderían estar recibindo adestramento. O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, propuxolles aos membros do G7 enviar “forzas de mantemento da paz da ONU a fronteira entre Ucraína e Belarús para impedir que Lukashenko iniciase unha provocación”. 

 

 “O exército bielorruso é peor có ruso, non teñen a experiencia como os rusos en Siria ou en Chechenia"

 

Os voluntarios bielorrusos non teñen medo de combater aos seus compatriotas, aínda que desexarían non facelo. “O exército bielorruso é peor có ruso, non teñen a experiencia como os rusos en Siria ou en Chechenia.  A súa moral é baixa tras ver o que pasou cos militares rusos en Ucraína” afirma Kabanchuk.

 

MINSK REPRIME AS FAMILIAS DOS VOLUNTARIOS

 

Os membros desde Batallón estiveron loitando por toda a xeografía ucraína, dende Donbás, ata Jersón, pasando por Kharkiv e Kiív. Moitos deles seguen en zonas de combate “nalgúns lugares do leste e do sur” sinala Kabanchuk. Dous combatentes bielorrusos foron apresados durante a batalla de  Severodonetsk, no pasado verán, e non volveron saber nada deles. “Poderían estar xa en Belarús, a única información que temos é un vídeo que gravou no momento da captura”. 

 

Ademais do risco de caer baixo as mans de soldados rusos, as familias destes voluntarios tamén sofren as presións das autoridades de Minsk. “O goberno bielorruso ten medo de que máis persoas se unan ao noso grupo e consigan experiencia militar, por iso é moi perigoso que se descubran a identidade dos voluntarios. Se coñecen estes detalles van tratar de atemorizar as familias e realizar interrogatorios” destaca Kabanchuk. A irmá dun comandante deste Batallón está presa sen cargos dende o mes de marzo, cando o KGB (Servizo Secreto de Belarús) a detivo no traballo, contan estes combatentes. Tamén o pai doutro membro do Batallón foi arrestado e  “hai máis casos así”, denuncia Mark. “Todos os familiares dos voluntarios bielorrusos en Ucraína convertéronse en reféns do goberno. Todos están en perigo” sentencia Mark. A pesares destes perigos, hai ex-miltares de Belarús que renunciaron os seus postos no exército e agora están combatendo do lado ucraíno contra Rusia, contan estes voluntarios. 

 

A chegada de novos cidadáns bielorrusos é cada vez máis complexa pola restricións dos visados Schengen. A falta de experiencia militar non e un problema, o importante é “a súa motivación para a loita”, sinala Kabanchuk. Se algún nacional bielorruso se quere unir a estes combatentes só ten que poñerse en contacto mediante un chatbot de Telegram e tras pasar polo centro que teñen en Varsovia, capital de Polonia, entran en Ucraína onde recibirán o adestramento adecuado.

 

“Cando o apoio económico e militar de Rusia desapareza será posible acabar co campo de concentración no que se converteu o meu país”

 

LOITA POR BELARÚS

 

A independencia do Estado bielorruso é so unha cuestión formal, subliña Mark, xa que depende de Moscova. “Cando o apoio económico e militar de Rusia desapareza será posible acabar co campo de concentración no que se converteu o meu país”, por ese motivo, declara Mark, é preciso que Rusia perda esta guerra. Este voluntario considera que nun futuro “si sería posible” loitar pola liberdade de Belarús no propio territorio bielorruso: “Os nosos voluntarios teñen unha boa experiencia militar e seguen aprendendo e adestrándose para ser capaces de loitar cando chegue o momento”.

 

Con todo, “a día de hoxe non podemos facer nada en territorio bielorruso xa que formamos parte das Forzas Armadas de Ucraína e non o permitirán” di Kabanchuk. Pero no futuro as circunstancias poden cambiar. “Se Minsk decide invadir Ucraína, as autoridades de Kiív terán que loitar contra Belarús e si podería darse esa posibilidade”. Poden darse varios escenarios, como que as protestas volvesen a Belarús, e nese caso tamén tratarían de apoiar a súa xente, pero o comandante adxunto Kabanchuk é consciente de que non se poden facer predicións no medio dunha guerra.

 

Outro dos temores para estes voluntarios é que o territorio bielorruso albergue as armas nucleares de Rusia e o país termine enfrontado o bloque da OTAN. Lukashenko cambiou a constitución bielorrusa en febreiro de 2022 e agora é legal estacionar armamento nuclear no país. “Estamos no momento no que Putin pode trasladar as súas armas nucleares a Belarús e non sabemos cales poderían ser as reacción do bloque atlántico”.

 

LUKASHENKO DEPENDE DO KREMLIN

 

Belarús e Rusia forman parte do denominado “Estado da Union” -un tratado alcanzado a finais da década dos noventa e revivido en 2020- o que supón unha maior integración entre os dous estados. Minsk e Moscova comparten doutrina militar e en caso de ataque a un deles, ambos deberán prestarse asistencia militar mutua. 

 

As tropas rusas que tentaron tomar Kiív en febreiro e marzo de 2022 saíron das terras bielorrusas

 

No ano 2020 tiveron lugar as maiores protestas civís en Belarús tralas eleccións presidencias fraudulentas e foron duramente reprimidas. Lukashenko proclamouse presidente do país – aínda que non foi recoñecido pola Unión Europea nin Estados Unidos- mentres a sociedade civil pedía una repetición electoral e a súa renuncia. Naquel momento o poder do mandatario pendía dun fío e viuse obrigado a involucrarse nun proceso de integración económica con Moscova -o primeiro paso para levar a cabo unha maior integración política no futuro- e desta maneira manter o apoio do Kremlin e asegurar a súa supervivencia política. 

 

Minsk coidouse moito de implicarse directamente no conflito de Rusia contra Ucraína, pero Lukashenko débelle total lealdade ao Kremlin e apoia os esforzos rusos neste conflito. As tropas rusas que tentaron tomar Kiív en febreiro e marzo de 2022 saíron das terras bielorrusas e desde os aeródromos de Belarús lanzáronse ataques aéreos contra Ucraína. A principios do mes de outubro, segundo informou a intelixencia ucraína, en Belarús estarían estacionados ata 1.000 soldados rusos, 6 avións, 12 sistemas de lanzamento de mísiles S-300 e catro Iskander.

 

Lukashenko sería reticente a participar directamente na guerra de Rusia contra Ucraína, xa que tería que asumir altos custos internos que poderían poñer en risco a súa posición. A inflación  en 2022 é dúas veces maior que hai un ano e a economía sofre os efectos das sancións occidentais. Ademais, segundo o comandante Kabanchuk, unha ampla parte da sociedade bielorrusa que “estaba baixo a influencia da propaganda rusa” está cambiando a súa opinión tras a invasión de Ucraína. “Están do lado dos ucraínos pero non teñen a oportunidade de demostralo”.

 

Unha das integrantes do Batallón Kastus Kalinouski dentro da sé central. Non quere mostrar a súa identidade por motivos de seguridade
Unha das integrantes do Batallón Kastus Kalinouski dentro da sé central. Non quere mostrar a súa identidade por motivos de seguridade | Fonte: Miriam González
Os voluntarios bielorrusos Vazdim e Mark cun dos coches do Batallón Kastus Kalinouski que estivo na fronte de batalla
Os voluntarios bielorrusos Vazdim e Mark cun dos coches do Batallón Kastus Kalinouski que estivo na fronte de batalla | Fonte: Miriam González
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta