A semana arrinca con choiva e alerta por vento tras centos de incidencias de 'Béatrice'

En Carballeda de Valdeorras notificáronse refachos de 149 km/h ás 8,00 horas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2022 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Galicia iniciou a semana con fortes choivas tras un fin de semana marcado pola borrasca 'Béatrice', que deixou centos de incidencias en Galicia. Ademais, a aproximación dunha nova fronte obrigou a activar para este martes un novo aviso amarelo por ventos en varias zonas.

En concreto, segundo informa Meteogalicia, este martes 25 de outubro, en distintas franxas horarias a partir das 6,00 horas, activouse a alerta laranxa por vento sur con refachos de máis de 80 quilómetros por hora na Montaña de Ourense, a Montaña de Lugo e A Mariña.

Así mesmo, entre as 9 e as 15,00 horas, o Suroeste e o Oeste da provincia da Coruña terán aviso amarelo por ventos de compoñente sur con refachos de máis de 80 quilómetros por hora. Entre as 9,00 e as 15,00 horas, así mesmo, actívase unha alerta de vento do sur, forza 7, nas Rías Baixas e en Costa da Morte.

VALORES MÁXIMOS DE REFACHOS E CHOIVAS

Nas últimas horas, segundo os valores máximos ofrecidos pola web de Meteogalicia, a estación meteorolóxica de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, notificou refachos de 149 km/h ás 8,00 horas. O segundo valor máis alto, computárono os medidores de Serra do Eixe, na Veiga, con 122,2 km/h ás 6,30 horas. En canto ás choivas, no Invernadeiro, en Vilariño de Conso, rexistráronse 65,2 l/m2 e no alto do Poio, en Pedrafita do Cebreir0, 65,2 l/m2.

CENTOS DE INCIDENCIAS

En concreto, ao longo do domingo o 112 Galicia rexistrou 548 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa no período comprendido entre as 00,00 e as 18,59 horas. A maioría delas estiveron relacionadas con árbores e ramas caídas nas vías de circulación, con 301 acumuladas ao longo do día, aínda que nas últimas horas se puido observar un descenso progresivo no número de incidencias comunicadas.

Así, mentres que entre as 12,00 horas e as 15,00 horas contabilizáronse 159, nun período de tempo similar, comprendido entre as 15,00 e as 18,00 horas, rexistráronse 62 en toda Galicia. No relativo ás provincias, Pontevedra foi a máis afectada, con 309 incidentes rexistrados en total, seguida da Coruña (155), e de Ourense (47) e Lugo (37).

Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que afectará a Galicia e ao oeste da Pe. Gustavo da Paz - Europa Press
Dúas gaivotas sobrevoan a ondada na zona de Santa Maria de Oia ata Cabo Silleiro, a 20 de outubro de 2022, en Pontevedra, Galicia, (España). A borrasca Armand é a primeira de gran impacto da tempada que afectará a Galicia e ao oeste da Pe. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta