Onde está a súa proposta de reforma constitucional que inclúa o dereito á secesión, demarcando claramente a porcentaxe da masa social necesaria para validar algo de tal envergadura? E onde está o seu labor diario na procura de alianzas en todo o Estado en defensa tal reclamo? Para decidir, antes haberá que definir e establecer os marcos decisorios. Todo o demais é esconder ineptitude odio e calumnia detrás das medias verdades. A calumnia e maila hipocrisía son vellas hábiles rémoras nutríndose das defecacións das verdades máis evidentes.
Non obstante, quedou en evidencia que a Constitución ten deficiencias, e faise necesario que os partidos comecen a pensar en emendas serias e rigorosas que dinamicen a orde constitucional, para así permitir lexislar vías que faciliten a saída –dentro dos marcos dun mandato incontestable– daqueles que non queiran estar. Os que non queren estar sempre sobran. E sobran porque rematan sendo unha carga: infunde inestabilidade e inseguridade xurídica, son unha disuasión ao investimento e ao desenvolvemento, e exercen influencias nocivas sobre o civismo a solidariedade e a cultura. E aínda peor, a fatal dun marco legal onde airear o sentimento separatista alimenta a insidia a infamia e a calumnia. Non hai furto máis danoso ca privar a unha sociedade do dereito fundamental á verdade. Non hai veleno máis destructivo ca aquel que contamina á verdade e deshumaniza o alleo. Os debates secesionistas necesitan dun ámbito xurídico ético, moral e honesto, onde se librar. A verdade foi –é– a primeira víctima do separatismo catalán.
O separatismo catalán non traballa en prol dunha reforma constitucional que recolla os seus reclamos porque cada día está máis claro que para o eles isto é unha guerra, e en tódalas guerras a mentira e maila calumnia son armas autorizadas, normalizadas e aínda dignificadas. Cando unha destas armas perde forza destructiva "Espanya ens roba" axiña se incorporan as innovacións necesarias para manterlle a puxanza e capacidade destructiva; velaí ese “España nos corrompe”. Compleméntanse estas armas de destrucción co acoso á lexitimidade do Tribunal Constitucional (antíteses de reforma constitucional): indispensable descualificar as institucións máis emblemáticas do inimigo. Deslexitimado o TC, ou sexa, unha vez aceptada a calumnia como arma normalizada e dignificada, o paso da calumnia á deshumanización é inevitable, e de aí á demonización pouco queda. O “adversario” pasa a ser inimigo; a veciñanza inquisitiva ou opositora, apóstatas. O apóstata hai que silencialo, afogalo. O inimigo hai que destruílo. Pero quede claro, para destruílo é absolutamente necesario deshumanizalo e demonizalo, e ao tempo dignificar a barbarie. Precedentes?, a feixes. “Yo no he asesinado a nadie, yo he ejecutado. No me arrepiento”, Josu Zabarte, O carniceiro de Mondragón. Esta é a nova moral do nacionalismo catalán. Esta nova Cataluña, fonte de difamación, xestada en trinta anos de odio corrupción e fins de semana en Andorra, sobra. O mellor, para todos, sería habilitarnos cos instrumentos legais que facilitase a saída dos que verdadeiramente se queiran ir. Pero tamén garantir –sen reparos e ata as últimas consecuencias–, o irrenunciable dereito á verdade.
Pero como a mentira como arma de destrucción masiva vén con data de caducidade, córrelle présa amosar a súa forza antes de que se desactive a súa capacidade destructiva. Para detonala con eficacia e efectividade é necesaria a atención do mundo e ante este prostrarse como víctimas do Estado represor. Mais o mundo está ao borde de eventos cataclísmicos onde as megalomanías duns insignificantes dunha esquina da Iberia pronto han ser eclipsadas por outras realidades máis apremantes. Logo, aquí estamos, entre as calumnias duns e as intransixencias doutros, cunha Constitución mellorable, enlouquecidos nunha incompresible carreira camiño da autodestrucción, perante un cada vez máis indiferente orbe que nos mira con toda a moita repugnancia que nunca é tanta como a merecida, sementando odio por tódalas esquinas da nosa xeografía coa esperanza de que nalgunha prenda o xoio. E conste, a palabra “violencia” xa saíu da boca do propio Mas.