Denuncian a "nefasta xestión" da atención pediátrica na área sanitaria Santiago-Barbanza

CC.OO. critica a "sobrecarga de traballo" e a "mala organización", que obrigan a poboación a desprazarse a concellos limítrofes para ser atendida e a relegar as consultas non urxentes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/10/2022 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

A Federación de Sanidade de CC.OO. denuncia a "nefasta xestión" da Xerencia da Área Sanitaria Santiago-Barbanza no que respecta á atención pediátrica. Os profesionais, indica o sindicato, están padecendo unha "inasumible sobrecarga de traballo por culpa da mala organización" da Administración. "Na maior parte dos centros", como o barbanzán de Ribeira ou os santiagueses das Fontiñas e Concepción Arenal, "hai que atender axendas de cincuenta a sesenta persoas", sinala.

Centro de saúde en Galicia.
Centro de saúde en Galicia.

Desde CCOO apuntan que a Administración sanitaria impuxo as "axendas de calidade" como solución, pero son "imposibles de respectar", dado que se "triplica" o número de pacientes que teñen que atender. Coas axendas e as urxencias sobrecargadas, a actividade non urxente "vese relegada durante períodos prolongados de tempo, o que impide dar unha atención axeitada", sinala a delegada sindical Ana Riveiro.

SEN PEDIATRAS O PASADO VENRES

Asemade, CCOO denuncia que as deficiencias na xestión obrigan a poboación a desprazarse para ser asistida noutras localidades. É o caso dos centros de saúde de Arzúa ou do Concepción Arenal, que asumen pacientes de Conxo e do Pino. "Isto, cando é posible a atención, pois no Concepción Arenal non houbo ningún pediatra dispoñible o pasado venres, 28 de outubro", engaden.

CCOO esixe a adopción de medidas "urxentes" para evitar o "colapso" do sistema e do propio persoal, pois a situación, indican, tamén provoca malestar nas persoas usuarias e nos profesionais da pediatría, "que son os que dan a cara malia que a responsable é a Xerencia da área sanitaria", apunta Riveiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta