Ecoloxistas vixían a depuradora de Bens por unha vertedura supostamente ilegal

O Concello da Coruña rexeita a existencia desta vertedura e nega que se usen produtos tóxicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Arco Iris decidiu establecer un sistema de vixilancia do 'by pass' a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Bens, na Coruña, a través do que as augas residuais saen directamente ao mar, pola "falta de datos oficiais ao redor da vertedura presuntamente ilegal".

A EDAR de Bens iniciou o pasado 14 de outubro unhas obras que obrigan a desviar de forma temporal o caudal da auga tratada para a instalación da turbina de hidróxeno verde. Segundo apuntou Arco Iris, isto obriga á depuradora a eliminar as augas cun mínimo pretratamento.

Arco Iris sinalou nun comunicado de que os primeiros resultados das mostras recollidas na auga "non ofrecen lugar a dúbidas" e que hai "unha elevada probabilidade de que a EDAR estea a usar produtos tóxicos para minorar a carga contaminante bacteriolóxica".

Nesta liña, a asociación ecoloxista afirmou que as verteduras que se emiten "incumpren as normativas vixentes en materia de augas de baño" e que "a carga de bacterias fecais supera os límites permitidos".

Así mesmo, Arco Iris subliñou que a praia de Portiño, situada á beira da depuradora, foi eliminada da lista de puntos de mostraxe en 2020, segundo recoñece o propio informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica alegando "razóns peregrinas".

A asociación tamén explicou no comunicado que se procesan outras mostras físico-químicas, por medio dun laboratorio industrial homologado, para observar se están dentro das marxes legais. Ademais, solicitou unha determinación de deterxentes, despois de localizar unha gran cantidade de espuma o día 31 de outubro.

Edar de Bens. EDAR DE BENS
Edar de Bens. EDAR DE BENS

O CONCELLO DA CORUÑA NÉGAA

O Concello da Coruña rexeitou a existencia dunha vertedura ilegal. Desde o goberno local aseguraron a Europa Press que son unhas obras xa "acabadas" e que contaron con todos os permisos da Xunta. Tamén manifestaron que os datos achegados pola asociación non son correctos. "O emisario funciona con normalidade desde o luns, cando se acabaron as obras".

"Xamais se usaron produtos tóxicos para tratar as augas e a depuradora non deixou nunca de funcionar a pleno rendemento e por suposto, había autorización de Augas de Galicia para estes traballos, que están acabados", incidiron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta