Por que a metade dos salarios en Galicia non chegan aos sete euros por hora?

O salario medio en Galicia está en 8,4 euros por unha hora. Iso o 50%, porque hai outro 50% que, segundo cálculos do IGE, non chega aos sete euros por hora de traballo. As causas, para algunhas forzas sindicais, están no desmantelamento de sectores como o industrial e a viraxe da economía a sectores máis precarizados laboral e salarialmente.

Por Moncho Mariño | Santiago | 03/11/2022 | Actualizada ás 22:19

Comparte esta noticia

O salario medio en Galicia é de 8,4 euros a hora, non obstante, a metade da poboación laboral do país non chega a cobrar sete euros hora (6,8). Os datos son do IGE, e a cifra entre parénteses é a mediana que se cobra nas catro provincias galegas, é dicir, o punto medio da distribución salarial. Nunha consulta á web do IGE, encontramos os datos de....2012 cunha mediana de 6,2, unha suba de seis décimas en dez anos. A información ofrecida polo IGE apareceu o pasado mes de novembro de 2022 e despois de consultarmos na súa web, os datos ofrecidos pola institución galega son de 2020.

Salarios EPDATA 2022
Salarios EPDATA 2022

UN ENGANO?

Se facemos caso das definicións tanto do IGE como dos sindicatos, estariamos diante dunha situación en que o 50% dos traballadores e traballadoras galegos están cobrando un salario dous puntos por debaixo do que sería un salario medio no país. A cousa agrávase cando se fala de salarios entre homes e mulleres. “A mediana en Galicia son os 6,8 euros por hora traballada, pois no caso dos homes pode ser de 7,2 euros por hora e nas mulleres de 6,2 euros a hora (seis décimas menos que a mediana xeral)” sinala Armando Iglesias de CCOO.

E as subas do SMI non puideron incrementar as medianas salariais? “O 40% das persoas traballadoras en Galicia non chegan a 14.000 euros anuais segundo se desprende das declaracións da Renda” sinala Francisco González Sío da CIG. “Parece que os salarios suben mais hai moita xente sen ter garantidos ingresos mensuais dignos”. O INE apunta que en 2022 a gañancia media anual dunha persoa traballadora en España era de 25.165,51 euros. Unha diferenza superior aos 11.100 euros en comparación coas persoas que non chegan a 14.000 euros anuais.

En tal caso, segundo a Carta Social Europea o salario mínimo para consideralo “decente” debera supoñer o 60% do salario medio nacional. No caso español serían 1.050,6 euros en catorce pagas se o salario medio fose de 1.751 euros mensuais como en 2021. Isto choca coas nóminas dentro da UE onde hai casos en que se superan os 2.000 euros. Sempre por riba do SMI.

Medianas salariais Galicia
Medianas salariais Galicia

CAUSAS

“O modelo económico de Galicia e por extensión do Estado ten como principal piar o turismo e logo o comercio” di González Sío. “A perda de tecido industrial deixa sen potencia este sector dentro de Galicia cun 17% de peso no PIB, cando para considerar un país como industrializado é o 20%”.

Por outra  parte está o sector servizos que, no caso galego, parece marcar unha diferenza polo menos entre os sete grandes concellos. Lugo e Ourense están cunha mediana salarial inferior á dos outros cinco concellos. Se exploramos a fenda salarial entre xéneros, temos que dentro de seis dos grande municipios os salariosmasculinos superan aos femininos mentres que en Santiago de Compostela é ao revés, a mediana do salario é superior para as mulleres que para os homes. “A explicación estaría en que Santiago é unha cidade onde existe un grande número de funcionarios e funcionarias dentro do sector público e isto ten o seu impacto” describe Armando Iglesias.

Aínda así, e volvendo ao sector industrial e aos investimentos sobre o mesmo, por que o empresariado apunta como problemático a suba do SMI? “O IPC está acelerado, se se incrementan os salarios incrementamos consumo que é o que buscan os empresarios, mais estes non ven con bos ollos o incremento salarial porque teñen unha visión curto ou mediopracista, nunca a longo prazo” di Iglesias.

Equiparar salarios coas subas do IPC e que o SMI volva incrementarse, é para os sindicatos unha condición necesaria se se quere resolver a crise de prezos actual. A isto sumarlle que os beneficios das grandes empresas deberan supor ingresos para as arcas do Estado e non un reparto de dividendos entre investidores. Por outra parte, os empresarios lamentan a falta de profesionais en determinados sectores. Os sindicatos sinalan a “grande renuncia” en áreas como hostalaría, por exemplo, ante unhas condicións salariais e de horarios indignas e isto fai que marchen para outros sectores con mellores condicións.

O peso dos salarios no PIB galego sobe unha décima en 2018, tras oito anos de caída. EUROPA PRESS - Arquivo
O peso dos salarios no PIB galego sobe unha décima en 2018, tras oito anos de caída. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta