Alfonso Mouzo (Xeal):"Non entendemos como se lle pode dar unha concesión a unha empresa que incumpre as que xa ten"

Alfonso Mouzo é presidente do comité de empresa de Xeal, empresa de ferroalixaes, que ten unha fábrica en Cee e outra en Dumbría. Mouzo traballa na de Cee onde, o mesmo que coa de Dumbría, Xeal, antes Ferroatlántica, quería quedar co negocio das hidroeléctricas que alimentaban as fábricas e pechar estas últimas. Así, Villar Mir, un dos implicados na situación destas factorías, entraría no rendible negocio da enerxía abandonando a creación das ferroaliaxes e deixando sen uso varias instalacións, algunhas con poucos anos de construción, como o peirao de Cee.

Por Moncho Mariño | Santiago | 05/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cal é a actitude da empresa cara o comité de empresa e que expectativas tedes os traballadores e traballadoras de Xeal?

Alfonso Mouzo nunha concentración de Xeal
Alfonso Mouzo nunha concentración de Xeal | Fonte: cig.gal

A actitude da empresa é totalmente nula cara a nós. Estamos pedindo reunións tanto pola cuestión do práctico da ría como pola estación de rebombeo no Concello de Mazaricos, polo convenio propio de empresa e desde a dirección non nos atenden nin fan caso. A compañía crese impune ante a actitude que mostra a Xunta de Galicia neste caso. O goberno galego ten competencias plenas en industria, auga e portos, e como se mostra indiferente, a empresa sente que ten carta branca.

-Xeal dedícase ás ferroaliaxes, durante os últimos anos Xeal investiu diñeiro para a renovación de equipos e tecnoloxía?

Aquí houbo un cambio no accionariado en agosto de 2019. Daquela, Villar Mir, o propietario de Ferroatlántica, quería separar as actividades de ferroaliaxes das de centrais hidroeléctricas. A Xunta non llo permitiu, Villar Mir recorreu ante os tribunais que tampouco lle permitiron a separación. As concesións foron para fabricar ferroaliaxes nas fábricas de Cee e Dumbría e os terreos foran expropiados de maneira forzosa. Entón, como non puideron separar aliaxes de produción hidroeléctrica, fixeron esta operación de venda a un fondo de investimento americano TPG Sixth Street Partners, que quedou coas hidroeléctricas por 170 millóns de euros e as ferroaliaxes ségueas manexando o grupo Ferroatlántica. Existe un acordo polo que só lle podemos vender a Ferroatlántica quen tamén subministra as materias primas principais e a quen lle podemos vender o produto acabado. Dos 170 millóns dixeron que irían vinte e oito millóns para modernizar as hidroeléctricas e as fábricas.

O goberno galego ten competencias plenas en industria, auga e portos, e como se mostra indiferente, a empresa sente que ten carta branca

-Tamén se creara un peirao novo para transporte marítimo das ferroaliaxes.

O peirao era unha reivindicación histórica que se materializou no 2012 e daquela custara 14 millóns de euros en diñeiro público. Agora mesmo temos o problema de termos un peirao en condicións mais vannos deixar sen práctico, iso é como se non tivesemos o peirao. Antes era ao revés. O práctico serve para poder enviar o noso produto por vía marítima pois era a mellor maneira de atender aos clientes. Ademais, os barcos podían entrar na ría. Se agora quedamos sen práctico pola baixa de salario que lle aplicou Portos da Xunta de Galicia, todo o transporte tería que ser por estrada co aumento de custes que iso crea. Así temos a excusa perfecta para que Xeal diga que as fábricas non dan.

-A canto ascende o número de persoas nos cadros de traballo?

Entre as dúas fábricas e as centrais hidroeléctricas somos 260 traballadores.

-Todo o dito até o de agora só vai nunha hipotética dirección, a empresa quedará só coa produción hidroeléctrica.

Si, porque as ferroaliaxes ségueas levando Ferroatlántica e se os fornos están parando e arrincando iso leva a avarías e á ineficacia enerxética, excusa para pechar. Non obstante, o que si interesa son os 167 Mw de potencia que xeran as hidroeléctricas.

Daquela, Villar Mir, o propietario de Ferroatlántica, quería separar as actividades de ferroaliaxes das de centrais hidroeléctricas. A Xunta non llo permitiu

-Todo o que mencionaches forma parte das actuais reivindicacións ante a empresa.

As nosas reivindicacións foron trasladadas á empresa, a Augas de Galicia, á Consellería de Industria, aos grupos parlamentarios e aos alcaldes da comarca. Eses puntos son restablecer a actividade industrial que había en 2019, cando tiñamos os cinco fornos en marcha e agora temos só un en cada fábrica. Restablecer e fixar o número mínimo de cadro de persoal, tal como estaba en 2019, que eran 293 traballadores. Durante estes tres últimos anos perdemos 35 traballadores fixos e 80 eventuais. Tamén lle pedimos manter o convenio colectivo propio de empresa que decaeu, entón desde o 1 de xaneiro de 2022 estannos aplicando o convenio provincial do sector. Pedimos unha reunión a catro bandas, porque a empresa está interesada en facer unha central de rebombeo en Mazaricos, é dicir, unha nova concesión hidroeléctrica. Por iso nós queremos sentar arredor da mesa os catro actores: empresa, xunta, concellos afectados e o comité de empresa. Por tanto, non se lle pode dar outra concesión a esta empresa se está a incumprir as actuais. E a isto súmase a do práctico, porque sen esa figura sería a excusa perfecta para dicir que non son rendibles e así a Xunta non pode pechar os ollos ante isto.

-O peche sería a fin das comarcas.

Aquí chamámoslle a fábrica porque é a única industria que hai e único motor económico da comarca. O peche suporía o declive total deste lugar e ao final deberiamos coller a maleta e emigrar. Nós imos aguantar por esta fábrica que ten 120 anos de historia.

-Dicías que hai dous fornos en funcionamento. Canta xente empregan?

O forno en si unhas trinta persoas por forno. O resto do persoal está en tarefas de mantemento, limpeza e outras ocupacións.

-O relevo xeracional nas factorías está parado?

Nos últimos tempos non está entrando ninguén. Había un acordo de xubilación parcial polo que os traballadores se poden xubilar 61 anos e os que o fan son traballadores dos fornos. Logo, en vez de contratar persoal para o forno, contratan xente para as oficinas. Isto é debido á falta de produtividade dos fornos.

desde o 1 de xaneiro de 2022 estannos aplicando o convenio provincial do sector

-Cal é o salario medio dun traballador dentro das vosas fábricas?

O salario está entre 35.000 e 45.000 euros por ano.

-Sobre seguridade e saúde laboral tamén tedes reivindicacións?

Dentro de saúde e seguridade laboral temos un xefe que foi condenado por acoso. A cuestión é que a traballadora está fóra da empresa e o xefe de prevención segue dentro.

-O xoves día 3 de novembro tedes organizada unha mobilización en demanda das vosas reivindicacións, se non conseguides ser recibidos pola empresa, que outros pasos dariades?

Nos seguiremos mobilizándonos todos os xoves con concentracións, temos unha folga para o 17 de novembro e seguiremos así até que non se resolva a situación actual. Non pedimos nada extraordinario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta