Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2022 | Actualizada ás 18:43
A Consellería de Sanidade constata o repunte de virus respiratorios e apelou a vacinarse sempre que sexa posible. En canto ao avace do proceso de inmunización fronte á covid-19, ademais, os datos do Ministerio de Sanidade sitúan a Galicia á cabeza.
No informe deste venres do Ministerio recóllense un total de 6.790.914 doses administradas en Galicia, o 94,33% das entregadas; unha porcentaxe similar á outra comunidade mellor situada na táboa estatal, Andalucía, cun 94,96% de doses administradas sobre as entregadas.
Na importancia da vacinación, precisamente, insistiu este sábado a subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Marta Piñeiro, quen, na Cadea SER, resaltou a importancia de vacinarse nun contexto marcado polo repunte de infeccións de virus respiratorios.
E é que xunto ao coronavirus, están reupuntando a gripe e o virus sincitial, cunha especial incidencia nos maiores e na poboación de menor idade, entre os 0 e os 4 anos. De feito, este sábado 'La Voz de Galicia' fíxose eco dun caso detectado en Vigo nun neno, que deu positivo en covid, gripe e virus respiratorio sincitial (VRS).
Sanidade insistiu reiteradamente en que é importante vacinar aos máis pequenos porque, ademais de que eles mesmos sofren a enfermidade, non están inmunizados e actúan como transmisores. Ademais de apelar a vacinarse, as autoridades sanitarias aconsellan o lavado frecuente de mans e o uso de máscara sempre que haxa síntomas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.