Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/10/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante anos, Galicia apoiouse nun argumento sinxelo para atraer rutas e pasaxeiros: as súas taxas aeroportuarias son das máis baixas de España. Sen embargo, a realidade do mercado aéreo neste outono de 2025 desmonta ese relato. Hoxe, en moitas rutas europeas, voar dende Portugal resulta significativamente máis barato que facelo dende Santiago, Vigo ou A Coruña. A contradicción é evidente: Galicia mantén prezos por pasaxeiro máis reducidos que os seus veciños portugueses, pero os billetes custan máis. A explicación vai moito máis aló da táboa de tarifas. Entra en xogo unha combinación de estratexias empresariais, poder de negociación, demanda e volume de mercado que está remodelando a conectividade aérea do noroeste peninsular. E é que, hoxe por hoxe, voar dende Portugal sae máis barato, aínda que o billete despega do mesmo ceo atlántico, pero faino dende unha pista onde as regras do mercado pesan máis que as táboas de tarifas.
O detonante desta discusión chegou co anuncio de Ryanair de abandonar a súa base en Santiago de Compostela e recortar voos en Vigo a partir de xaneiro de 2026. A aeroliña irlandesa xustificou a decisión na 'suba inxustificada' prevista para o próximo ano nas taxas: un incremento do 6,5 % aprobado pola Comisición Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC) que eleva arredor de 0,68 euros por pasaxeiro os custos de operación. O xesto ten forza simbólica: Galicia foi un dos territorios onde Ryanair máis medrou na última década, e o seu repregamento é lido como un toque de atención. Pero tamén é unha manobra de presión. A compañía de baixo custo utiliza o seu peso no tráfico rexional para forzar a Aena a ofrecer descontos, incentivos ou condicións preferentes.
Dende o xestor aeroportuario español deféndese a medida. Aena argumenta que, tras máis dunha década coas tarifas conxeladas, a actualización é imprescindible para financiar investimentos en sustentabilidade e modernización, e recalca que os seus prezos seguirán sendo máis baixos que os da media europea. A Xunta, pola súa banda, expresou a súa preocupación pola perda de conectividade e pediu un 'trato diferenciado' para os aeroportos pequenos. O Goberno galego lembra que Galicia fixo esforzos para manter rutas estratéxicas e considera 'inxusto' que os incrementos afecten do mesmo xeito a aeroportos rexionais que a grandes hubs como Madrid ou Barcelona. A esta discusión súmanse os Gobernos locais das tres cidades galegas con aeroporto propio: A Coruña (Alvedro), Santiago de Compostela (Rosalía de Castro-Lavacolla) e Vigo (Peinador).
TARIFAS BAIXAS, BILLETES CAROS: A PARADOXA GALEGA
En teoría, Galicia xoga con vantaxa. Os aeroportos de Santiago, Vigo e A Coruña pertencen ao grupo 2 de Aena --Aena divide os seus aeroportos en grupos do 1 ao 6--, con taxas significativamente inferiores ás de aeroportos principais ou internacionais. En voos dentro do Espazo Económico Europeo, un pasaxeiro paga arredor de 7,90 euros en taxas, e en rutas internacionais, 9,59 euros. En Portugal, pola contra, Oporto cobra 11,52 euros por pasaxeiro en voos Schengen, e ata 24,96 euros en rutas fóra de Europa. En Lisboa, as cifras son aínda maiores: 18,80 e 35,32 euros, respectivamente. Mais esas taxas non se reflicten no prezo final dos billetes. Nunha análise comparativa realizada por Galicia Confidencial a 5 de outubro de 2025 observando os prezos mínimos en buscadores e webs oficiais, compróbase que Portugal ofrece tarifas máis baixas na maioría de destinos compartidos con Galicia. Os prezos que detallamos a continuación corresponden a voos one way en clase básica, sen equipaxe e a data específica, pois poden varias segundo data e dispoñibilidade de prazas.
Así, para Londres, un billete desde Santiago de Compostela custa, na súa tarifa máis baixa, 22 euros con Vueling. En cambio, dende Oporto, Ryanair oferta voos ao aeroporto de Stansted dende 16,99 euros. A diferenza é pequena, pero constante ao longo da tempada, con vantaxa clara para o aeroporto portugués. No caso de París, os pasaxeiros que saen da Coruña atopan tarifas mínimas de 62 euros con Vueling, mentres que Oporto, con maior competencia de aeroliñas, permite viaxar a Orly dende 35 a 55 euros con Transavia. Aquí a diferenza xa é máis significativa: voar dende Portugal pode custar a metade. O voo a Madrid tamén resulta máis económico dende o país veciño. Mentres que Santiago mantén prezos arredor dos 50 euros con Iberia, as conexións entre Oporto e Madrid, operadas con Iberia ou Air Europa, parten de 25 a 26 euros, case un 50 % máis baratas.
Na ruta a Bruxelas, dende Santiago os voos de Ryanair cara Charleroi rondan os 55 euros, fronte aos 29,99 a 35 euros que custa despegar dende Oporto cara Bruselas-Zaventem. De novo, a maior oferta no aeroporto luso tradúcese en prezos máis competitivos. O patrón repítese en destinos mediterráneos. Os voos a Roma dende Santiago oscilan entre os 85 e os 120 euros, mentres que dende Oporto pódense conseguir billetes por 50 a 80 euros. O mesmo acontece con Ámsterdam, onde Galicia presenta prezos de 95 a 140 euros, fronte aos 55 a 90 euros de Portugal. Nas rutas cara o norte de Europa as diferenzas tamén son notables. Para Dublín, Ryanair vende billetes dende Santiago entre 110 e 160 euros, mentres que dende Oporto atópanse opcións dende 65 a 110 euros. Algo semellante acontece con Zúrich, que dende Galicia custa entre 120 e 180 euros, e dende Oporto entre 75 e 130 euros. O contraste persiste nos grandes hubs alemáns. A Múnich, os prezos dende Santiago sitúanse na franxa de 100 a 150 euros, fronte aos 70 a 120 euros dende Oporto. En Frankfurt, a tendencia repítese: de 90 a 140 euros dende Galicia e de 60 a 110 euros dende Portugal.
POR QUE PORTUGAL PODE OFRECER BILLETES MÁIS BARATOS
O prezo do billete depende de moitos máis factores que a taxa por pasaxeiro. Galicia xoga con tarifas baixas, pero carece da densidade de mercado e do número de operadores que teñen Oporto ou Lisboa. No aeroporto de Oporto compiten máis de 30 aeroliñas con 128 destinos directos, mentres que no de Lisboa son case 60 aeroliñas as que teñen un 147 destinos posibles, o que xera un ecosistema de competencia que empurra os prezos cara abaixo. Ademais, Portugal apostou por políticas agresivas de captación de rutas: descontos de taxas por apertura de destinos, incentivos a aeroliñas e campañas de marketing conxunto con entidades turísticas. Galicia, pola contra, ten un mercado fragmentado en tres aeroportos e carece dunha estratexia unificada de conectividade internacional. O resultado é que, aínda que voar dende Galicia poida ser máis barato para a aeroliña en termos operativos, o pasaxeiro paga máis, porque hai menos competencia e menos volume. En Oporto ou Lisboa, un mesmo destino pode ter tres ou catro aeroliñas pelexando por prezo; en Santiago, Vigo ou A Coruña, unha soa.
Os expertos coinciden en que o movemento de Ryanair non resposta só a unha cuestión de custos, senón tamén a unha reorganización estratéxica da súa rede. A compañía está concentrando operacións en mercados de maior densidade e rendibilidade --como Oporto, Lisboa ou Málaga-- e reducindo presenza en aeroportos pequenos. A esta ecuación súmase a estacionalidade de moitas rutas galegas, a forte dependencia de subvencións locais e a fragmentación aeroportuaria. Tres aeroportos con áreas de influencia que se solapan impiden alcanzar os volumes precisos para que as compañías consoliden rutas a longo prazo. Sexa como fose, sen dúbida, a perda de Ryanair deixa a Galicia ante varios retos: menor conectividade internacional, sobre todo con cidades europeas secundarias; dependencia crecente de aeroliñas tradicionais, con tarifas máis altas; risco de fuga de pasaxeiros cara Oporto, onde os prezos son máis competitivos e a oferta máis ampla; e impacto económico e turístico en lugares que dependen do tráfico aéreo estacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.