Xantar sitúa a Ourense no epicentro peninsular do turismo gastronómico

Este luns, 7 de novembro, presentouse a súa 23ª edición que se celebrará entre o 9 e o 13 deste mes nas instalacións de Expourense. Reunirá a 165 expositores, contará con 5 países representados e o fío condutor será a gastronomía dos distintos Camiños a Santiago.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 09/11/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Xantar, única feira internacional de turismo gastronómico de España, bota a andar esta semana en Expourense con gran expectación e cunha novidade importante que pode axudarlle a sumar visitas. A edición deste ano será a primeira con conexión de Alta Velocidade que sitúa a Ourense a 2 horas e 15 minutos de Madrid e a pouco máis dunha hora de Zamora.

Presentación de Xantar 2022. Foto: Prensa Expourense.
Presentación de Xantar 2022. Foto: Prensa Expourense.

Para reforzar este atractivo de visitar Ourense, a organización do evento puxo en marcha un paquete turístico, en colaboración con ‘Sente Galicia’ que inclúe a visita ao salón, a comida ou cea nun dos 8 restaurantes presentes, a participación nalgunha das 120 actividades previstas e pernocta con almorzo nun hotel do centro da cidade. E todo isto a partir de 65 euros.

Do 9 ao 13 de novembro Expourense será o ‘epicentro do turismo enogastronómico peninsular’ contando coa presenza de 165 expositores e 5 países representados: España, Portugal, Estados Unidos, Perú, e Costa Rica. O recinto feiral contará con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, unha aula de catas comentadas e un espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.

ACTIVIDADES PARALELAS

Xantar reunirá a recoñecidos chefs dos países de España, Portugal, Costa Rica e Perú, profesionais que impartirán obradoiros de cociña en directo enmarcados no XVII Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 12o experiencias –catas, showcookings, presentacións, degustacións--. Calcúlase que haxa uns 60 talleres de cociña en vivo, unhas 20 catas comentadas de viño, mel, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores; e outras 20 degustación de produtos autóctonos.

Tamén haberá actividades orientadas a público escolar, aulas gastronómicas, un túnel do viño e dous encontros, o IX Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos --con blogueiros de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha e Portugal-- e o XVIII Encontro Internacional de Confrarías con 30 entidades representadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta