Por gcdeportes | Madrid | 28/10/2014 | Actualizada ás 08:56
Un recoñecemento ao fútbol galego. Foi nos premios da LFP aos mellores da tempada 2013/2014, esa na que o Deportivo voltou a Primeira División e o Celta, da man de Luis Enrique e Rafinha, hoxe no Barça, foi o equipo revelación en Primeira. O Dépor acadou ata catro premios (Pablo Insua, Juan Domínguez, Lux e Manuel Pablo), e iso que Fernando Vázquez foi superado no premio ao mellor adestrador por Gaizka Garitano (Eibar).
Pero a gala tivo aínda máis protagonismo galego, xa que Rafinha Alcántara, ex do Celta, gañou o premio ao xogador revelación de Primeira e o sadense Julio Álvarez, do Numancia, foi elexido como mellor xogador de Segunda División. Quedaron sen recoñecementos o Lugo, nin Quique Setién nin Carlos Pita tiveron premio, e o barbancés Jota Peleteiro, líder dun Eibar campión.
Pablo Insua foi elexido mellor defensor de Segunda por diante de Yuri Berniche (Eibar) e o francés Jean-Sylvain Babin (Alcorcón). Insua e Jota Peleteiro foron superados por Ayoze Pérez no premio ao xogador revelación. Juan Domínguez obtivo o premio ao mellor centrocampista, batendo ao coruñés Carlos Pita (Lugo) e ao blaugrana Sergi Samper. Germán Lux foi mellor porteiro por diante de Xabi Irureta (Eibar) e Jordi Masip (Barça B).
Pola súa banda, Rafinha Alcántara, cedido un ano no Celta pola Barça, foi elexido xogador revelación de Primeira por diante de Jesé Rodríguez (Real Madrid) e Ñíguez (Raio Vallecano).
Ademáis, o capitán do Deportivo Manuel Pablo obtivo o premio ao xogo limpio en Segunda. En Primeira, o Real Madrid de Florentino Pérez obtivo cinco premios, tres deles Cristiano Ronaldo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.