O Sergas insiste na importancia de vacinarse contra a gripe e estima que o pico chegará a principios de decembro

As áreas sanitarias galegas presentaron este luns os plans de continxencia contra o virus, que volve con forza despois de dous anos relegado a un segundo plano pola covid

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2022 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) calcula que o pico da gripe chegará a principios de decembro e insiste na importancia da vacinación, segundo trasladaron este luns os xerentes das áreas sanitarias galegas nas presentacións dos plans de continxencia contra o devandito virus.

Os plans presentados este luns determinan as actuacións previstas polas xerencias para garantir a adecuada organización de medios e a atención asistencial á poboación durante a época de maior incidencia de infeccións.

Nesta liña, o director asistencial de procesos da área compostelá, Alfonso Varela, sinalou que "despois de dous anos sen ter case contacto coa gripe, esta situación abre un escenario de preocupación".

Así mesmo, profesionais da área sanitaria de Ferrol insistiron en que "hai unha situación de aumento de demanda e maior afluencia como resultado das descompensacións e afectacións cardiorrespiratorias". Ademais, sinalaron a necesidade de "mellorar o control e seguimento da pacientes diana tanto na atención primaria como nas especialidades".

Todos os sanitarios fixeron fincapé na importancia da vacinación como "a mellor medida preventiva" e lembraron que a campaña está activa ata o próximo 31 de decembro.

NOVIDADES NOS PROTOCOLOS

Entre as novidades dos protocolos están as actuacións conxuntas contra a covid e a gripe, así como outras enfermidades respiratorias agudas. Así, instaron aos pacientes a que usen primeiro os recursos de atención primaria, para que as urxencias hospitalarias atendan os casos de maior gravidade.

Deste xeito, protocolos como os das áreas sanitarias de Vigo ou Santiago destacan entre os aspectos novos, priorizar, sempre que se poida, a asistencia da gripe e a Covid-19 nos dispositivos de Atención Primaria, a poder ser de forma telefónica, para evitar contaxios nos centros de saúde.

Ademais, en relación á Covid-19, desaparecen as plantas específicas para pacientes co virus e os circuítos especializados en urxencias e na PAC. Tampouco haberá reservados quirófanos específicos para pacientes covid.

O Sergas prevé que o pico máximo da gripe chegará nas primeiras semanas do mes de decembro, tendo en conta os datos de Australia, que é un país que se utiliza para calcular a estimación desta enfermidade.

A CAMPAÑA DA GRIPE EN SANTIAGO

A xerente da área compostelá, Eloína Núñez, instou á poboación diana a que se vacine e lembrou que "é importante manter outras medidas como a hixiene de mans ou o uso da máscara ante os primeiros síntomas".

Así, sinalou que ata este luns vacináronse o 70,89 % dos maiores de 65 anos. Ademais, o 30 % dos nenos entre 6 meses e 5 anos recibiron a dose da vacina contra a gripe e un total de 4.859 traballadores sanitarios da área.

ÁREA SANITARIA A CORUÑA-CEE

Respecto á área sanitaria A Coruña-Cee, segundo informou o director asistencial do complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC), Pedro Marcos, administráronse ata o pasado luns, día 7, máis de 115.000 vacinas da gripe a persoas maiores de 60 anos e máis de 140.000 da covid. A partir deste luns, "ábrese a campaña para convivientes das persoas de risco e para o resto da poboación", puntualizou.

Neste senso, o director de hospitalización do CHUAC, Álejandro Ávila, sinalou que ambas as infeccións respiratorias teñen "nas últimas semanas" un impacto de hospitalización total "ao redor dos 65 e os 75 enfermos".

Ávila lembrou que "ao longo de toda a pandemia" a covid tivo un impacto "maior" de hospitalización nesta área con cifras "por encima da media galega". No entanto, indicou que este luns non había "ningún paciente en coidados intensivos" por esta afección.

Unha muller recibe a vacina contra a gripe
Unha muller recibe a vacina contra a gripe | Fonte: Alberto Ortega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta