Prestige.- O 15 de novembro rescataban aos tres últimos tripulantes e o capitán era detido ao chegar a terra

Apostolos Mangouras estaba acusado dun presunto delito de desobediencia e outro contra o medioambiente

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 15/11/2022 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Tal día como hoxe hai 20 anos a catástrofe do Prestige xestábase a lume lento. Todas as malas decisións que se podían tomar, tomáronse, dando como resultado un inminente desastre medioambiental.

Apostolos Mangouras durante o xuízo.
Apostolos Mangouras durante o xuízo. | Fonte: Arquivo

O 15 de novembro de 2002, de madrugada, despois de que o Prestige conseguise ser remolcado polo buque Ría de Vigo a 4,6 millas do Cabo Touriñán, poñendo rumbo noroeste por indicación do Goberno, que quería alonxalo canto antes das costas galegas, a rotura do casco acada os 35 metros e xa está por debaixo da liña de flotación.

A empresa Smit Salvage faise cargo do petroleiro e pide ir a un porto seguro, máis España négase en rotundo a que o barco profundice no seu territorio. Tampouco Portugal acepta. Ninguén quere saber nada dun buque que se vai a pique.

Ese mesmo día as cousas póñense aínda máis feas, o que provoca que se rescate aos únicos tres tripulantes que quedaban no barco, un deles o capitán, Apostolos Mangouras, que resulta detido nada máis chegar a terra por un presunto delito de desobediencia (ao negarse nun primeiro intre a deixar a nave) e outro contra o medioambiente.

Con todo, o peor aínda estaba por chegar: estábase xestando a rotura definitiva en dous do Prestige e o seu consecuente afundimento. Era cuestión de días. Pese á gravidade da situación, o dispositivo para loitar contra a marea negra aínda non se despregara, a pesares de que a mancha de chapapote xa acadara unha extensión de 37 kilómetros fronte a Finisterre.

Mentres tanto, nos portos máis cercanos, non se daba crédito ante a falta de medidas efectivas para loitar contra unha contaminación que xa comeza a tinguir as praias de negro. A medida que avanza o día, a rotura do casco acada os 50 metros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta