Mobilizacións este domingo no Salnés para denunciar 13 anos de recortes en Atención Primaria

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores nun acto en Monforte en defensa da sanidade pública

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2022 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores nun acto en Monforte en defensa da sanidade pública e contra os "13 anos de recortes" en Atención Primaria dos que acusou aos gobernos do PP, mentres que a portavoz de Sanidade do grupo, Montse Prado, convocaba mobilizacións no Salnés contra a situación que se vive nesta área.

Na concentración de Monforte, Ana Pontón asegurou que os recortes neste ámbito "están a pór en risco a saúde dos galegos e das galegas" ao colocar "en situación de colapso o sistema sanitario galego", con decisións que "debilitan a sanidade pública para beneficiar a privada".

"Nos últimos 13 anos, a Atención Primaria viu como se lle quitaban 2.000 millóns de euros, que non se investiron nela, como se recortaba en persoal, con taxas de reposición que claramente debilitaron o noso sistema público, e como se precarizaban tamén as condicións laborais dos profesionais", dixo Pontón.

Por iso, a portavoz nacional do BNG fixo un chamamento ao PP para que, no marco do próximo debate orzamentario, "se descabalgue da soberbia e teña disposición para negociar máis recursos para a sanidade pública". Neste senso, lembrou as alternativas que o BNG puxo encima da mesa, entre as que citou un plan de 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria e outro de 50 millóns para crear novas especialidades, por exemplo, en saúde mental.

Pontón referiuse tamén á situación concreta que vive a comarca de Lugo Sur, cunha "deterioración evidente na atención sanitaria", e á do hospital comarcal de Monforte, onde mantivo unha reunión coa súa xunta de persoal e no que as listas de espera subiron desde a pandemia un 35 % para os pacientes que están a esperar unha operación e un 50 % para as persoas que están a esperar cita co seu especialista, afirma o BNG.

MANIFESTACIÓNS NO SALNÉS

Por outra banda, o BNG convocou manifestacións este domingo, unha en Caldas de Reis ás 12.00 horas, e outra en Soutomaior, ás 12.30 horas, para esixirlle ao PP "que rectifique no seu empeño de atentar contra a saúde dos galegos e das galegas".

A portavoz nacionalista de Sanidade, Montse Prado, compareceu este mércores para expresar "a enorme preocupación pola situación da área Sanitaria Pontevedra-Salnés", que "se converteu no quilómetro cero desde hai meses, no banco de probas do desmantelamento da Atención Primaria que está a levar a cabo o PP desde hai 13 anos".

Para o BNG é "imprescindible" adoptar unha serie de medidas "conxunturais e estruturais", como reter aos profesionais que se forman en Galicia, "e que se seguen marchando en desbandada". Montse Prado asegurou que a petición de certificados de idoneidade para poder traballar fóra "non fai máis que aumentar".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, participa nunha concentración en Monforte en defensa da sanidade. / BNG / Europa Press
A portavoz do BNG, Ana Pontón, participa nunha concentración en Monforte en defensa da sanidade. / BNG / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta