Prestige.- O 17 de novembro dúas novas manchas de chapapote aceleran o despregue dos voluntarios

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 17/11/2022 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O 17 de novembro de 2002 a situación a bordo do Prestige vólvese insostible. A pesares de que o proceso de remolcado cara o sur seguía o seu curso, alonxándoo do litoral galego a un ritmo de 1,5 nudos, xa non había nada que facer para evitar a perda de todo o chapapote almacenado no seu interior.

Voluntarios recollendo chapapote tras o Prestige en A Coruña
Voluntarios recollendo chapapote tras o Prestige en A Coruña | Fonte: Arquivo

Tal día como hoxe hai exactamente 20 anos produciuse a rotura no terceiro tanque do buque, mentres se atopaba parado fronte á costa de Corrubedo, tocando a entrada das Rías Baixas. Isto provocou unha segunda mancha de chapapote que se aproxima a dúas millas da costa. 

Mentres, conscientes da gravidade do asunto e tendo en conta que en Galicia unha importante parte da poboación traballa no sector do mar, o principal damnificado pola catástrofe, centos de voluntarios comezan a chegar ás costas para realizar as labores de limpeza.

Segundo datos do Ministerio de Fomento daquela época, tratábase dunhas 350 persoas. Á súa preocupación sumábanse as protestas de diferentes entidades que denunciaban que todos eses voluntarios non contaban coas medidas de protección adecuadas contra os efectos tóxicos dos hidrocarburos.

O Concello da Coruña decretou o estado de alerta, prohibindo de maneira inmediata toda actividade pesqueira e marisqueira na zona comprendida entre Cabo Fisterra e Punta Seixo Branco. Miles de mariñeiros e mariscadores quedaron de repente sen o traballo que lles daba diariamente sustento.

Xa pola noite, localizouse unha nova mancha de verquido dunhas 3 millas de longo por unha de ancho entre as zonas de rescate marítimo de Portugal e España, mentres que a bautizada como 'marea negra' chegaba tamén á ría de Noia e ameazaba seriamente a de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta