O PPdeG tomba a ILP de montes veciñais e os comuneiros acusan os 'populares' de pretender "privatizalos"

Critican que a Xunta "usurpa" o monte veciñal "tal e como fixo o franquismo".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A proposta de lei, de iniciativa popular, de montes veciñais en man común, para defender este tipo de propiedade e manter o seu carácter comunal, que conta co apoio de 12.000 firmas preceptivas e o apoio do BNG e PSdeG, foi rexeitada polo PPdeG, que defendeu que a Xunta traballa no borrador dun "libro branco" que recolle o novo marco normativo dos montes veciñais en man común e que será trasladado ao Consello Forestal de Galicia no primeiro trimestre de 2023 para a súa valoración.

Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo)
Comunidade de montes de Lousada, en Xermade (Lugo) | Fonte: Remitida.

O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, encargado de defender a proposta este martes no Parlamento de Galicia, afirmou que a postura dos populares galegos "clarifica" que pretende o PP: "Privatizar os montes veciñais".

En defensa da postura do PPdeG, a deputada Elena Candia quixo deixar claro o "compromiso" do Goberno galego de abordar a revisión da Lei de montes veciñais en man común desde "un proceso participativo" e sinalou que "se bota en falla a altura de miras e a capacidade de poder construír nun momento histórico de Galicia" no que, na súa opinión, "o rural cambiou para ben".

Xosé Alfredo Pereira lamentou que "un partido político que represente a cidadanía" lle dea "un plumazo" a 12.000 firmas recollidas entre a veciñanza comuneira. "É desprezar. Paréceme un acto que queda fóra de lugar", censurou.

Nesta mesma liña, lamentou, entre outras cousas, que a Xunta e o PP pretendan que poidan ser comuneiros "as persoas físicas e xurídicas que teñan relación co monte", é dicir, segundo dixo o presidente da organización, "que o RC Celta de Vigo sexa comuneiro de Tameiga".

Así mesmo, criticou que os populares "usurpan" o monte veciñal "tal e como fixo o franquismo", coa diferenza, engadiu, "de que o franquismo o fixo para usurpar a favor dos concellos" e o PP, asegurou, faino "a favor dos intereses capitalistas".

"A historia non vos absolverá e seredes uns usurpadores de monte fracasados", concluíu a súa intervención Pereira, entre aplausos da bancada socialista e nacionalista.

De feito, tanto o PSdeG como o BNG apoiaron e agradeceron o traballo da Organización Galega de Comunidades de Montes por un traballo "colectivo" que "nace da vontade, da democracia e do amor pola terra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta