O PSdeG pide garantir "condicións dignas" no transporte escolar e o PP cifra nun 10% as rutas con queixas

Os populares tomban mocións do BNG sobre un "pacto pola industria" e para "mellorar a atención a vítimas de violencia de xénero"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

O PSdeG pediu á Xunta garantir que o transporte escolar se preste en "condicións dignas" e esixiu o "cumprimento íntegro" dos contratos ás empresas concesionarias en Galicia, mentres que o PPdeG afirmou que as rutas con queixas son "pouco máis do 10%" e asegurou que foron resoltas entre setembro e principios de outubro.

Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia. /
Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia. /

A proposta dos socialistas figuraba nunha moción debatida durante a sesión plenaria do Parlamento galego deste martes, na que os populares tombaron coa súa maioría absoluta tanto esta como outras dúas iniciativas do BNG para demandar un "pacto galego pola industria" e para "mellorar a atención a vítimas de violencia de xénero".

No caso da moción socialista relacionada co servizo de transporte escolar, a deputada Noelia Otero sinalou que "non son casos illados" e que a "problemática non é puntual", senón que o servizo "ha ido a peor".

"Son decenas de nenos os que chegan tarde a clase ou a casa, ou non teñen prazas. Os mínimos por contrato de confortabilidade e de seguridade dos vehículos non se cumpren en moitas ocasións", sostivo Otero.

Unha denuncia que tamén recolleu o deputado do BNG Manuel Lourenzo, que na súa intervención afirmou que hai empresas que "incumpren premisas" dos contratos como, por exemplo, "a antigüidade dos autobuses".

Sobre isto, asegurou que "todo o mundo coñece estas denuncias" e que "están en mans da Xunta sen que ninguén faga absolutamente nada". Así, detallou que hai autobuses que non contan con cintos de seguridade ou que non teñen "tantas prescricións técnicas". "Se hai unha desgraza, de quen vai ser a culpa?", reflexionou.

O deputado do PPdeG Ovidio Rodeiro recoñeceu que o servizo de transporte escolar de Galicia é "o máis complexo" de todo o Estado e defendeu que as rutas con queixas supoñen un 10%. Así mesmo, sostivo que no mes de setembro "resolvéronse a maior parte dos problemas".

Ademais, lembrou que a Xunta "renovou todos os contratos de todo o transporte escolar", algo que, na súa opinión, é "a maior revolución en Galicia". "Mentres se axustan eses contratos hai incidencias, pero están a atenderse", reafirmou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta