Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2025 | Actualizada ás 14:02
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno galego "un xiro de 180 graos" nas políticas que destina a medidas para saúde mental.
Tras reunirse con representantes do Colexio Profesional de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental para analizar a situación da saúde mental en Galicia despois de coñecerse o informe do Consello de Contas sobre o Plan de Saúde, Pontón lamentou que os indicadores evolucionan "todos negativamente".
Así, a líder do Bloque sinalou que o informe do Consello de Contas é "demoledor" sobre a execución do Plan de Saúde Mental e "volve demostrar" que o Goberno galego "está instalado na mentira". "Tanto os anuncios como os datos que achega en materia sanitaria son unha fraude. Así goberna o PP, a base de propaganda e mentiras", destacou.
Nesta liña, reprochou que a Consellería anunciou en 2021 "un investimento nun plan de saúde do que só se executaron 33,5 millóns, menos da metade". Para Pontón, trátase de "mentiras que afectan a miles de galegos angustiados", por exemplo, "por unha primeira consulta de psiquiatría", con listas de espera "que non deixan de crecer" e ás que Roda "só ofrécelles propaganda e mentiras".
"É indecente e cruel porque falamos da atención á saúde mental das persoas. O PP non debería xogar e facer propaganda. A situación é preocupante", insistiu.
Neste contexto, a portavoz do BNG expuxo datos que indican que "un de cada cinco galegos terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida" e que a magnitude desta problemática "contrasta coas dificultades para poder acceder a servizos" de atención. Do mesmo xeito, lembrou que Galicia "lidera o consumo de antidepresivos", ademais de contar con "a taxa de suicidios máis alta do Estado".
Tamén criticou que a taxa de profesionais especialistas "está moi por baixo da Unión Europea e do Estado", mentres a Xunta "non oferta as prazas MIR e PIR suficientes".
PROPOSTAS
Por todo iso, Ana Pontón reivindicou "un xiro de 180 graos" nas políticas do Goberno galego nesta materia e mencionou algunhas das propostas dos nacionalistas para que Galicia "deixe de estar á cola".
Entre elas, a portavoz do Bloque destacou a necesidade de dotar á Atención Primaria de psicoloxía clínica "avanzando en equipos multidisciplinares" que inclúan terapeutas ocupacionais e traballadoras sociais, que se contraten 100 psicólogos para Primaria e aumentar as prazas de formación en psiquiatría, psicoloxía e enfermaría especialista.
Tamén trasladou que levarán ao Parlamento incrementar as unidades de hospitalización de atención infanto xuvenil en todas as áreas, así como pór en marcha un programa para atención e prevención do suicidio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.