Sustentabilidade, servizos públicos e feminismo: eixos do programa do BNG para ir "a por todas" nas municipais

Ana Pontón ve nas locais a oportunidade de "abrir un tempo novo" na Xunta fronte a un PP que fai unha repartición "caciquil" de fondos e unha "Unión Europea actuando como marioneta dos Estados Unidos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Un urbanismo "sustentable", unha xestión "transparente", a defensa dos servizos públicos "con uñas e dentes" e unha aposta pola lingua galega, pola cultura propia e pola igualdade entre mulleres e homes. Estes son algúns dos eixos do programa marco co que o BNG se presentará ás eleccións municipais do 28 de maio de 2028.

Trátase dun documento aprobado este sábado nunha reunión do Consello Nacional, celebrado no Hotel Congreso de Teo. Ante os integrantes deste máximo órgano de dirección do partido entre asembleas, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, proclamou que van "a por todas" nos comicios locais, co convencemento de que serán a forza que máis creza en apoios nesta cita que será a antesala para "abrir un tempo novo" no goberno da Xunta.

"O noso modelo nos concellos é o da eficacia na xestión, transparente e participativo, igualitario e feminista, un modelo sustentable e capaz de xerar dinamismo económico. Así é o modelo municipal do BNG, concellos que defenden os servizos públicos con uñas e dentes, orgullosos dos nosos sinais de identidade e capacidade de transformar en positivo", resumiu Pontón, sobre as liñas mestras do programa dos nacionalistas.

Tomando como exemplo municipios onde gobernan, a portavoz nacional asegurou que demostran que teñen "unha alternativa capaz de mellorar a vida das persoas". "Por iso, saímos a por todas nas próximas eleccións municipais, sen pornos límites, para multiplicar o número de concelleiros e concelleiras, de alcaldes e alcaldesas, para conseguir máis BNG nos concellos", manifestou.

"A DURÍSIMA SITUACIÓN" DA MAIORÍA SOCIAL

No plano socioeconómico, Ana Pontón encomiou a capacidade de xestión dos gobernos municipais nacionalistas nun escenario de crise "no que cada euro conta" para paliar "a durísima situación que vive a maioría social" coa subida dos prezos, que crecen a maior velocidade que os salarios e as pensións galegas.

"E neste contexto temos a unha Unión Europea actuando como marioneta dos Estados Unidos, empeñada na vía militar como única saída á guerra en Ucraína, adoptando sancións que a quen máis prexudican é aos propios Estados europeos e ás súas cidadanías", censurou, para aseverar que os máis beneficiados son as multinacionais de alimentación e enerxía, que "se forran especulando con bens básicos".

Non en balde, Pontón aproveitou para criticar a falta de alternativas "eficaces e valentes" por parte das forzas de esquerdas, que son "incapaces de frear a deterioración das condicións de vida da maioría social", que tamén impacta nos galegos.

"ABARATAR A FACTURA DA LUZ" EN GALICIA

En canto ao sector da enerxía, a portavoz nacional do Bloque cargou contra ese "centralismo" que "impide" que unha Galicia "rica en electricidade poida usar esa riqueza para abaratar a factura da luz" na Comunidade.

"Ao contrario, vemos a alianza de PP e PSOE para acelerar o 'boom eólico' depredador e vemos tamén un PP que goberna para unha minoría, que se abraza ás eléctricas, que fai agasallos a unha presa de millonarios cun pelotazo fiscal, que segue adiante coa súa política de recortes e privatizacións da sanidade pública, incluso pondo en risco a saúde das persoas", esgrimiu.

REPARTICIÓN "DISCRECIONAL" DE FONDOS DA XUNTA

A líder da oposición galega tamén cargou contra "o uso caciquil", "partidista" e "discrecional" que fai a Xunta dos fondos dedicados aos concellos, singularmente nos orzamentos para 2023.

Pontón: 'Vaiamos a por todas, con confianza en Galiza e seremos a forza política que máis medre nas municipais'
Pontón: 'Vaiamos a por todas, con confianza en Galiza e seremos a forza política que máis medre nas municipais' | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta