Galicia impulsa un proxecto piloto para a eliminación do aluminio das augas de consumo humano

Porase en marcha unha planta experimental en Oia para a eliminación de aluminio nunha traída seleccionada

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2022 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia está a impulsar un proxecto piloto para o estudo da eliminación do aluminio de augas de consumo humano nos sistemas de abastecemento autónomo da Comunidade.

Os traballos, adxudicados por 18.000 euros á empresa Indrops Laboratorio de Análise e Calidade Ambiental, forman parte da iniciativa que está a desenvolver o Goberno galego nos concellos de Oia (Pontevedra), de Baleira (Lugo), de Oímbra (Ourense), de Mondariz (Pontevedra), de San Xoán de Río (Ourense) e de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) para a elaboración e implantación de plans de abastecemento autónomo.

"A través deste contrato analizaranse as posibilidades técnicas para a retirada de aluminio das augas de abastecemento, avaliando tanto as formas nas que o aluminio está presente como as técnicas posibles para a súa eliminación", reivindicou o Executivo autonómico nun comunicado.

Para iso, porase en marcha unha planta experimental en Oia para a eliminación de aluminio nunha traída seleccionada, incluíndo a análise da auga de distintos pozos de barrena localizados na contorna.

As principais conclusións obtidas neste estudo incorporaranse aos traballos de elaboración dos plans de abastecemento autónomo, que comezaron o ano pasado e que permitirán que os concellos seleccionados obteñan información detallada sobre o nivel de garantía de abastecemento de auga potable á poboación, máis aló das súas redes municipais. Tamén permitirá contar cun instrumento para planificar e priorizar as intervencións de mellora necesarias, o que redundará nunha mellor prestación deste servizo básico aos cidadáns.

Encoro de Velle, Ourense, en inverno
Encoro de Velle, Ourense, en inverno | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta