Guerrillas antifranquistas: a Federación León-Galicia que conseguiu acurralar ao réxime de Franco (II)

A violencia contra a guerrilla antifranquista seguiu os pasos da violencia represora española no norte de África. Antes da caída definitiva da II República, os montes entre Asturias, Bierzo e Galicia foron terreo de operacións da Federación de Guerrillas León-Galicia. Esta unión de fieis á República acabou de maneira tráxica por culpa das delacións consecuencia das torturas e chantaxes das forzas franquistas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Federación de Guerrillas León-Galicia naceu hai oitenta anos logo da unión entre combatentes da fronte de Asturias que fuxían do avance franquista polo norte e guerrilleiros residentes na área do Bierzo e das comarcas de Valdeorras e do sur de Lugo. Non había unha única adscripción política pois había socialistas, anarquistas e comunistas. No primeiro caso, unha contradicción, pois o PSOE, polo menos oficialmente, renunciara á solución armada despois da guerra civil española. Durante case catro anos, esta Federación mantivo en pé A Cidade da Selva, un conxunto de campamentos desde os que se operaba contra o exército primeiro e logo contra a Garda Civil.

Guerrilleiros antifranquistas
Guerrilleiros antifranquistas

A FEDERACIÓN

“Esta federación de guerrilleiros nace do fracaso de exiliarse vía Portugal, pois a Guarda Nacional portuguesa entregaba aos capturados directamente ás tropas franquistas” di o historiador Alejandro Rodríguez. A única solución é agocharse nos montes entre Galicia e o Bierzo. A “base central” estaba en Casaio (Carballeda de Valdeorras) e montes de arredor onde crean a Cidade da Selva, un conxunto de campamentos a base de casoupos (chozos) de pedra. Esta área era considerada como unha “zona liberada” ante o pouco avance da Garda Civil ou o exército durante os anos posteriores á guerra civil española.

O carácter pluripartidista ou multi-ideolóxico da Federación converteuna nun ente autónomo a pesar de intentos de unificación ideolóxica. As negociacións entre as diferentes sensibilidades acabou coa sinatura duns Estatutos en 1941 e un funcionamento interno a base de congresos. Entre as persoas que asinaron os estatutos estaban Marcelino Fernández Villanueva, “Gafas”, como xefe do estado maior, Manuel Girón Bazán e Marcelino de la Parra. “Girón foi o máis mitificado polas autoridades, mesmo anunciaron a súa morte falsa tres veces nos medios do réxime” di Laura Martínez, historiadora e arqueóloga.

A Cidade da Selva foi consecuencia do nacemento da Federación ante a necesidade de organizárense” di o investigador Carlos Tejerizo. A creación tanto do grupo como dos campamentos eran unha forma de darlle aspecto físico á guerrilla e o seu accionar. “En total eran doce campamentos que se comunicaban entre eles mediante sinais de luz, pois nas excavacións encontráronse baterías e lanternas, dous elementos nada comúns no rural daquel tempo”. A maioría dos núcleos estaban entre As Morteiras e Val da Buña, sendo o principal ou un dos principais núcleos o de Casaio.

“Tiñan capacidade de fornecemento, encontráronse elementos de hixiene e menciñas como penicilina, algo pouco común naquel tempo en toda España” di Rodríguez. “O funcionamento destes campamentos tamén se baseaban na axuda de enlaces, persoas con vínculos ideolóxicos, familiares e relacións preestablecidas con persoas do lugar”.

Un dato destacable era a implicación da guerrilla no estraperlo de wolframio. Este mineral estratéxico era unha fonte de ingresos do réxime franquista por canto era mercadoría para os nazis e as outras potencias do Eixo. A guerrilla pola contra usou as vías “alternativas” do contrabando para enviarlle este material aos aliados, material recollido moitas veces mediante ataques ás minas. “En Valborraz había unha explotación de wolframio controlada por alemáns onde ademais o franquismo construíra unha cadea para soldados republicanos que traballaban como man escrava” describe Carlos Tejerizo.

CAÍDA DA FEDERACIÓN

O decorrer da II Guerra Mundial fixo que o franquismo mantivese unha postura de “stato quo” fronte os movementos guerrilleiros. Franco temía unha invasión aliada a territorio español, mais cando a URSS e os seus aliados se converteron no inimigo común, o réxime decidiu exterminar de raíz todo tipo de oposición armada. A isto sumóuselle as diferenzas ideolóxicas internas e por tanto de táctica contra o franquismo. O PCE quería manter as accións armadas e baixo a súa dirección. As tensións foron crecendo entre as diferentes sensibilidades da Federación.

A partir de 1945 a Garda Civil aumenta a presión sobre as guerrillas nos montes entre Galicia e León. Usan medidas propias dunha guerra de “exterminio” mediante a presión e represión sobre familias que tiñan lazos coa guerrilla e servían ás veces de enlaces. “A violencia contra as mulleres foi ás veces máis forte chegando a casos de violanción e de estigmatización” declara Laura Martínez. Estas mulleres non só eran familiares senón que entre ellas había moitas con afinidade ideolóxica coa guerrilla.

A captura de enlaces, a súa tortura ou a simple delación de persoas coñecedoras dos campamentos fixeron posible acontecementos como o do 5 de xuño de 1945, co cerco da Garda Civil en Columbrianos onde encontraron información sobre a guerrilla dentro dunha casa de apoio.

En xullo de 1946, nos montes de Casaio ía celebrarse o Congreso de Reunificación da guerrilla. Finalizado o encontro ca nova dirección elixida, a Garda Civil atacou ás persoas reunidas naquel lugar. Desde ese momento comezou unha fuxida cara adiante duns poucos e outros, sobre todo do PSOE, escolleron o camiño do exilio. Os últimos actos desta Federación foron accións para recadar diñeiro cousa que ao final non deu resultado. Moitos dos capturados foron levados a xuízos “sumarísimos” e fusilados. Outros foron asasinados mediante a “lei de fugas”, un eufemismo que tapaba o asasinato directo e xustificándoo cunha presunta “fuga” do preso.

A Federación de Guerrillas León-Galicia acabou vítima da presión e represión franquista que aplicou sistemas de loita aprendidos durante as guerras no protectorado español en Marrocos e logo aplicadas na guerra civil e na persecución aos grupos guerrilleiros. O exilio foi a vía elixida por moitos para salvaren as súas vidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta