Por GC Tendencias | Santiago | 23/11/2014 | Actualizada ás 13:04
1 de xuño de 1943. Unha escuadra de cazas da Luftwaffe derriba un avión regular de pasaxeiros preto das costas de Cedeira. Un de tantos incidentes aéreos no conflitivo ceo europeo da II Guerra Mundial, de non ser porque no avión viaxaba Leslie Howard, actor británico que acadou gran fama en Hollywood chegando a participar na mítica Foise co vento (Gone with the Wind).
A presenza da estrela fixo que se puxese un foco especial neste misterioso ataque, un de tantos dos que se cadra nunca chegaremos a ter unha explicación... Un erro de obxectivo por parte dos alemáns? Buscaban acabar coa vida dalgún pasaxeiro en concreto? Ou mesmo de varios? Sería o propio Howard o obxectivo que buscaban eliminar os alemáns?
Ese é o punto de partida do guión de Pepe Coira , Daniela Arias e Marcos Nine. A partires de aí constrúen un r etrato da personaxe, facendo fincapé nos momentos históricos que lle toca vivir, que son en suma un repaso da convulsa primeira metade de século XX, así como na idiosincrasia do mundo Hollywood do que Leslie chegou a formar parte.
Para retratarnos a Leslie Howard, Marcos Nine (1977) emprega fragmentos dos seus filmes sacados de contexto e ensamblados con acerto nas distintas fases narrativas do filme. Dáse por tanto un dobre xogo á hora de reconstruír a historia.
Por unha banda, o máis habitual emprego de imaxes de arquivo non dramatizadas, como bombardeos, imaxes de prisioneiros, etc., cosidos pola narración da voz en off (Carolina Vázquez) á que ilustran para construír o contexto.
Pola outra, o máis orixinal emprego de imaxes dramatizadas: fragmentos de filmes de Howard que se intercalan coas anteriores e que constrúen outra historia, a dunha personaxe que vive eses momentos históricos que o marcan e condicionan e en certo modo, condúceno ata ese final coñecido previamente polo espectador.
Aí está precisamente o mérito de Nine, en saber construír unha historia humana a través de imaxes previas. Non só transmitir feitos, senón dotar a unha personaxe de profundidade.
Todo o documental é un exercicio de montaxe e unha clara homenaxe á montaxe soviética, dende a preciosa metáfora visual que preséntase case ao principio do filme a través da montaxe simbólica, ata o final.
A nivel narrativo, imaxe tras imaxe, Nine preséntanos a un Howard que tras o éxito en Hollywood regresa a Inglaterra onde se volve un activo propagandista antinazi... e pode que algo máis.
Tras a proxección o pasado venres 21 no Teatro Principal de Santiago, abriuse un pequeno espazo para preguntas do público, no que Nine asegurou que non foi algo preconcibido o de só empregar imaxes de arquivo; o director e o seu equipo só tiñan clara a historia que querían contar, o resto foise construíndo pouco a pouco.
O obxectivo era contar a historia de Leslie “de forma clásica, que pareza un filme de Hollywood.” O primeiro paso era comprender o personaxe e as súas motivacións, e despois, o gran reto: construír esa imaxe de Leslie -a que Nine e o seu equipo consideran a máis real- a partir de material previo, no que “os planos ás veces non duran o que ti queres, ou contan un relato diferente…” Mais á fin, como resaltou o director, “calquera cousa que eu filmara ía ser menos real que o que xa existía.”
Detrás do filme resultante hai un gran traballo de montaxe, e tamén unha inmensa labor de documentación. O esforzo valeu a pena. Máis alá do exercicio técnico, cóntasenos unha historia e, ponse en valor un episodio histórico dun contexto convulso e definidor do Século XX acontecido nas nosas costas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.