Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 19:53
A Xunta e o Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia presentaron este mércores a dixitalización dos fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía (1932-1936).
Isto supón, segundo destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, dispor dunha "importante xanela documental a un dos procesos históricos máis relevantes de Galicia".
O titular de Cultura do Goberno galego enxalzou a colaboración do seu departamento co Consello Superior de Investigacións Científicas para crear este arquivo virtual, que erixiu como "unha das iniciativas máis significativas" da programación do Ano Castelao.
Neste sentido, lembrou que a Xunta declarou esta efeméride para conmemorar neste 2025 o 75 aniversario da morte do intelectual e político galeguista. Así, subliñou a importancia de proceder á dixitalización, debido á implicación activa do escritor de Rianxo neste proceso, "como férreo defensor de que Galicia contase cun Estatuto de Autonomía".
O fondo do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia (1932-1936) conservábase, ata agora, no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Composto por máis dun milleiro de documentos, abarca actas de reunións, correspondencias, informes e emendas aos artigos do Anteproxecto e agora están dixitalizados e con acceso libre e gratuitamente.
O acceso en liña a todo este fondo é a través do SIMURG, o portal de acceso ao patrimonio dixitalizado da Rede de Bibliotecas e Arquivos, que ten activa unha pasarela que permite a dispoñibilidade e consulta a esta documentación a través de 'Galiciana. Patrimonio dixital de Galicia', plataforma da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.