Unanimidade no Pleno para demandar a Política Social que blinde o financiamento ás entidades de axuda á discapacidade

O PP logra o apoio unánime para pedir a Sanidade un plan contra o cancro de pulmón e rexeita unha iniciativa pesqueira do PSdeG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2022 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

Os tres grupos con representación na Cámara autonómica uniron as súas forzas para demandar á Consellería de Política Social que garanta a execución do 'Concerto Social' de cara a blindar a "viabilidade" das entidades que traballan en apoio ás persoas con discapacidade.

A iniciativa presentada polo Grupo Socialista e defendida na pasada tarde do martes pola deputada Mariña Ortega saíu adiante por unanimidade nas votacións das proposicións non de lei, que foron sometidas á opinión do hemiciclo galego no mediodía deste mércores.

Así, o texto aprobado no último pleno ordinario do ano 2022 insta á consellería que encabeza Fabiola García a "garantir" o funcionamento das entidades sen ánimo de lucro a través da execución total do 'Concerto Social'.

Por outra banda, os votos do PP e o PSdeG serviron para que o Parlamento autonómico fixese súa unha iniciativa do grupo maioritario que reclama á Consellería de Sanidade o desenvolvemento dun plan de prevención do cancro de pulmón.

A proposición, que tamén foi debatida na sesión vespertina do martes, insta á Xunta a empregar para esta programa "métodos innovadores" de detección "para facer deste programa unha iniciativa pioneira a nivel estatal".

INICIATIVA REXEITADA DE PESCA

Doutra banda, a posición contraria do PP tombou unha proposición dos socialistas que demandaba cambios na convocatoria das axudas autonómicas á pesca sustentable porque, segundo o PSdeG, discriminan ás pequenas embarcacións, que quedan "excluídas" polas condicións que marca a Consellería do Mar.

Así o expuxo este mércores a deputada socialista Patricia Otero, encargada de defender unha iniciativa que, segundo as súas palabras, emana das reivindicacións dun sector que, di, sente "discriminado" pola configuración dunha convocatoria que establece criterios de cálculo "inxustos".

Na súa resposta, a parlamentaria popular Teresa Egerique acusou aos socialistas de mentir sobre esta convocatoria, que, ao seu xuízo, empregan como "unha cuña publicitaria" asegurando que esa liña de axudas "discrimina á frota de baixura".

"Houbo bonificacións, houbo un aumento da demanda e houbo un incremento das axudas", aseverou Egerique para xustificar o 'non' do PP á proposta levada ao pleno polos socialistas.

Pleno do Parlamento galego
Pleno do Parlamento galego | Fonte: Parlamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta