Xerente de Artesanía de Galicia: "As máquinas son algo saudable e melloran a vida do artesán"

Elena Fabeiro pon de manifesto a necesidade de facer unha revisión da Lei de Artesanía actual para garantir o relevo xeracional de determinados oficios e artes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/12/2022 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Artesanía de Galicia depende directamente da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, que depende, á súa vez, da Vicepresidencia Primeira e da Consellería de Turismo e Innovación. O seu obxectivo pasa por axudar, promover e mellorar a comercialización dos produtos elaborados polos artesáns galegos, actuando como intermediarios entre as súas marcas e a poboación galega.

Artesanía de Galicia
Artesanía de Galicia | Fonte: Arquivo

"O noso obxectivo é que a vida dos artesáns mellore", afirma Elena Fabeiro Castro, xerente de Artesanía de Galicia. Sen ir máis lonxe, agora, polo Nadal, teñen unha campaña na que fan uso dun calendario de adviento, tan de moda dende fai uns anos, para ir pouco a pouco amosando produtos dos seus asociados: dende os bolsos de Jatafarta, ata os zocos de Elena Ferro, pasando polos coitelos de Celso Ferreiro ou os aneis de Mil Brumas

Artesanía de Galicia varias liñas de traballo. E entre elas destaca a de Artesanía Empresa, onde se inclúen as feiras que os artesáns propoñen organizar ou eventos como Fitur nos que se trata de garantir que os artesáns estén presentes. Tamén está a parte da divulgación, coa creación dunha revista que se reparte entre todos os artesáns e que logo tamén se expón en diferentes sitios de interese, bibliotecas, museos, feiras... Todos os lugares onde poida darse a ver.

É importante resaltar que Artesanía de Galicia foi a primeira marca en España con packaging (envase) propio, e as axudas que concede aos seus artesáns son as mellores de todo o Estado. O segredo? Para Elena Fabeiro non está claro, pero pode ter que ver coa "miña obsesión con que todo esté sempre ben colocado, para dar unha boa imaxe". "Gústame colocar aos meus nos mellores sitios e, se non é así, polo menos da maneira máis digna posible, dando unha imaxe de calidade", afirma.

E para aportar calidade non é necesario que as feiras se celebren en Madrid. Por exemplo, hai en Galicia unha feira en Agolada que "non é de multitudes, pero os que van aprecian a calidade". Baixo o lema 'Corazón da Artesanía', este encontro reúne a cerca de 30 artesáns que poden expoñer a súa forma de crear e vender as súas pezas. Tamén inclúe cursos de formación especializada, talleres abertos a todos os públicos e conferencias, entre outras cousas.

Con este proxecto, de feito, Artesanía de Galicia quedou finalista nos Premios Nacionais este ano 2022, celebrados fai cousa dunha semana. Mais alá deste posto como finalista, Galicia é, tras Andalucía, a terra que máis premios suma. Ten trece gañadores de Premio Produto, entre outros recoñecementos. 

DIFÍCIL GARANTIR O RELEVO XERACIONAL

En Galicia hai máis de 80 categorías artesanais, incluidas en epígrafes moi variados, e tal e como recoñece Elena Fabeiro, ás veces pode resultar "moi difícil facer accións para todos eles". A súa preferida é carpintería de Ribeira, patrimonio inmaterial de Galicia, algo que non ten parangón en ningún outro lugar de España.

Por desgraza, como explica, esta arte "ten moitos problemas de relevo xeracional", como tantas outras. E cando se pensa neste tipo de carpintería non só hai que pensar na fabricación de barcos mariñeiros como a dorna, senón que tamén fan barcos bateeiros e arréglanos. "É un oficio ancestral, precioso, e da gusto velos traballar", afirma.

Mais ás veces é difícil manter certas profesións dentro da Lei de Artesanía de Galicia e garantizar ao mesmo tempo a súa continuidade e preservación, tal e como recoñece a presidenta da asociación. E é que "para estar dentro desta lei non poden superarse os dez empregados, por exemplo".

COMBINAR AS MÁQUINAS CO PROCESO ARTESANAL

Por sorte, Elena Fabeiro amósase optimista. "Agora hai unha xeración nova moi potente en Galicia que grazas ás novas tecnoloxías vende en todo o mundo" e "temos artesáns que grazas ás axudas do Goberno galego poden ir por todas as feiras que elixan, vendendo en moitísimos países".

Pero, é a nova artesanía igual que a de antes? "Creo que a artesanía tamén ten que evolucionar para non perderse", explica Elena Fabeiro, que engade que, a pesar de "defender as formas de sempre", tamén hai que defender "o uso das máquinas nos procesos", algo que, segundo afirma, non está contemplado de forma correcta na lei actual.

"Antes os fornos eran de leña e agora son de ferro, antes o torno era manual e agora é eléctrico e iso non lle quita a quen o use que logo teña que desbastar a madeira, así que que máis dá que o faga usando máquinas se donde el comeza a crear é cando empeza a tallar coas súas mans? Usar as máquinas é axudar a que o produto sexa máis competitivo", apunta Elena Fabeiro.

E é que, doutro xeito, se todos os procesos de creacións artesanais se fixesen a man, os produtos finais terían un prezo incalculable ou moi alto, pois o tempo empregado sería altísimo e habería que telo en conta á hora de fixar un prezo. "As máquinas son algo saudable e melloran a vida do artesán", explica a xerente de Artesanía de Galicia.

"Se uns zocos se fixeran a man eu non podería permitirme compralos, porque se encarecerían moito; e se hai xente que quere facer un bolso a man é respectable, pero eu non me podo gastar nun bolso 1.200 euros", exemplifica Elena Fabeiro. Con todo, incide en que o máis importante é que "non se engane ao público", e que sempre se lle aclare "como está feito cada produto", para que "comprenda así o prezo de cada peza"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta