Rueda ratifica a conxelación de peaxes das autoestradas autonómicas

Pontón di que as peaxes "non deberían subir" nin na AP-9 nin na AP-53, porque "é apertar a unha economía que xa o está pasando mal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2022 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou este xoves que o Goberno galego autorizou, na súa reunión semanal, o convenio que permitirá conxelar peaxes das autoestradas de titularidade autonómica --AG-55 e AG-57-- en 2023, á vez que cualificou de "francamente decepcionante" a proposta que, segundo transcendeu, tería o Goberno central sobre a mesa para mitigar a alza na AP-9.

Así o trasladou, na comparecencia posterior ao Consello da Xunta, despois de facerse público que o Goberno tería previsto suavizar a subida das taxas da Autoestrada do Atlántico para o próximo exercicio e, ademais, saldar con 400 millóns a débeda con Audasa polas obras en Rande e en Santiago, que sumaba un 1% anual das peaxes.

Aínda que asegurou que a Xunta non ten un coñecemento formal do plan do Goberno máis aló do que coñece polos medios de comunicación, insistiu en que, segundo o públicado, non parece que vaia a producirse a conxelación, extremo que criticou. De feito, recalcou que o seu Executivo, con el á fronte, seguirá "insistindo" para que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez siga os pasos da Xunta.

AP-9, Autoestrada do Atlántico.
AP-9, Autoestrada do Atlántico. | Fonte: Miguel Riopa

"Celebramos que se impida unha subida tan grande como a anunciada (púxose sobre a mesa unha alza do 9 %), pero é unha medida francamente decepcionante", remarcou Rueda, antes de incidir en que a Xunta seguirá insistindo, con el á fronte, en que o Goberno siga coas autoestradas de titularidade estatal (AP-9 e a AP-53) os pasos de "conxelación" da Xunta.

De feito, esgrimiu que o Goberno galego volveu a porse en contacto co Ministerio para demandarlle que "faga o mesmo que Xunta e conxele as peaxes" nestas vías. "Non pedimos nada que non se poida facer", proclamou e instou ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez a "rectificar" para reducir o impacto que esta subida vai ter para as familias e as empresas.

PONTÓN

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a insistir este xoves en Santiago de Compostela en que as peaxes "non deberían subir" nin na AP-9 nin na AP-53, porque "é apertar a unha economía que xa o está pasando mal".

Ademais, sinalou o "agravio que ten Galicia" neste ámbito no caso concreto da AP-9, xa que todas infraestruturas desa época "van quedar libre de peaxe". Deste xeito, apuntou que se non houbese a ampliación que levou a cabo o PP de Aznar -- que ampliou a concesión desta autoestrada ata 2048 -- "en 2023 esta podería ser unha vía libre de peaxes".

CONVENIO AUTORIZADO

En relación ás autoestradas de titularidade autonómica --AG-55 (A Coruña-Carballo) e do Val Miñor (AG-57)--, o Goberno galego autorizou a firma do convenio que permitirá materializar, a partir do 1 de xaneiro, a "conxelación" das peaxes que xa avanzara a Xunta.

"As autoestradas autonómicas galegas xa son as máis baratas de toda España e queremos que o sigan sendo", resaltou Rueda, quen destacou que, de non tomar esta medida, as tarifas terían que "incrementarse un 7 %" e precisou que a conxelación vai beneficiar aos "case 27.000 usuarios diarios" que teñen estas dúas vías.

BONIFICACIÓNS

A Xunta subliñou que as autoestradas autonómicas manteñen o custo medio por quilómetro abonado polos usuarios máis baixo de Galicia: máis baixo que o da AP-9, aínda a pesar das bonificacións vixentes, e tamén máis baixo que a outra autoestrada estatal, a AP-53, na que non existe ningún tipo de bonificación.

As tarifas das autoestradas autonómicas, sen IVE, sitúanse en 5,6 céntimos/km, fronte aos 6,1 céntimos/km de tarifa media da AP-9; ou os 7,7 céntimos/km da AP-53.

Sobre as bonificacións, Rueda lembrou que o Goberno galego ampliou no ano 2021 o desconto do 25 % da volta, e do 50 % na segunda volta, aos usuarios recorrentes ata as 24 horas posteriores á realización da viaxe de ida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta